Moncho Fernández destaca a gran capacidade ofensiva do Baskonia
Moncho Fernández destaca a gran capacidade ofensiva do Baskonia
Edgar Vicedo continúa con molestias na zona do xemelgo interno
O Monbus Obradoiro viaxa esta tarde a Vitoria para enfrontarse mañá ao Cazoo Baskonia ás 19:00 horas. O técnico obradoirista Moncho Fernández atendeu aos medios nunha rolda de prensa para falar sobre o seu rival:
“Son o mellor ataque da liga e o segundo mellor ataque da Euroliga. Ese quizais sexa o titular. Ofensivamente é, sen dúbida, un equipo fantástico, non só pola súa capacidade de anotación, senón pola súa capacidade de anotación desde as asistencias. Pásanse moi ben o balón, len moi ben as vantaxes”.
Sobre o cadro vasco, Moncho destacou que “todos os xogadores son peligrosísimos. Cando es o mellor ofensivamente a estas alturas de Liga e o segundo mellor equipo tras Olympiakos, que é o líder no aspecto ofensivo da Euroliga, non o podes reducir a un só xogador. Hai que ter coidado con todo, coa súa transición ofensiva porque son de ritmo alto, co seu lanzamento ao principio e ao final da posesión, co seu rebote en ataque, co xogo interior e os aclarados... Son un equipo moi potente no aspecto ofensivo”.
O adestrador compostelán insistiu en que “cando destacas moito nun aspecto no que es excepcional, como é o seu caso no aspecto ofensivo, parece que a defensa non o é. Pero é que tamén son moi bos defensivamente".
Edgar Vicedo continúa con molestias na zona do xemelgo interno, pero está previsto que estea dispoñible para o encontro.