Mobilizan varias patrullas en Chantada para lograr que unha cadela saia dun coche
Foron necesarias case tres horas para sacala do vehículo onde se metera, baixo os pedais
A mascota marchou soa ao chegar a Policía Local cun lazo e foille devolta ao seu dono
A cadela Marquesa, dun veciño de Chantada, meteuse no coche dunha muller residente na avenida de Monforte cando abriu a porta do vehículo. Daquela, quixo sacala para poder conducir, pero o animal non fixo caso e quedou entre os pedais e o asento do condutor.
Ata o lugar acudiron entón dúas patrullas da Garda Civil, que trataron por varios medios de persuadir a mascota, pero foi en van. Só conseguiron que marchase, case tres horas despois, cando se presentou cun lazo un axente da Policía Local.
"Cando cheguei, xa a cadela estaba fóra. Ao verme a min, xa veu directa. Fómonos para a casa e, en principio, non pasou nada", di José Luis Vázquez, dono da cadela.
Grazas ao seu chip de identificación, a policía axiña contactou co responsable de Marquesa para que a fose recoller. Segundo conta o seu dono, a mascota ten faltado máis tempo, e cre que desta volta puido ter razóns para buscar un refuxio.
"Xa a teñen tido nalgunha casa cerrada tres ou catro días, ata que dei con ela. É o malo que ten, que se arrima a calquera, pero montar así no coche de calquera, non. Penso que tiveron que andar atrás dela e non sei se non lle pegarían", conta José Luis.
Esta curiosa historia, protagonizada por unha cadela, sucedeu no marco da Feira do Viño de Chantada.