Publicador de contidos

Publicador de contidos

Minerais críticos: o crítico é decidir, por María Bastida

OPINIÓN

Minerais críticos: o crítico é decidir, por María Bastida

María Bastida 25/11/2025 07:52

Galicia ten diante unha oportunidade real de situarse exactamente onde Europa quere estar: na fronteira da autonomía estratéxica en materias primas críticas. É un feito derivado dunha realidade xeolóxica excepcional e dun contexto europeo que cambia a unha velocidade extraordinaria. Ter 18 dos 34 materiais críticos da UE é unha vantaxe competitiva escasa en todo o continente. E nun momento no que Europa busca reducir dependencia da China e descarbonizar a industria, contar con litio, cobalto ou volframio coloca a Galicia nunha posición central.

Á diferenza doutros territorios, Galicia non chega tarde nin improvisa. Ten un Goberno e un Presidente que son plenamente conscientes dese potencial e que o entenden non como unha actividade illada, senón como unha estratexia industrial de conxunto. A aprobación da Lei de Recursos Naturais, a aposta por unha ordenación mineira seria e a elaboración dunha estratexia para integrar extracción, transformación e desenvolvemento industrial son sinais claros dunha política proactiva que vai por diante, non detrás, da dinámica europea.

Porque o valor desta oportunidade non reside só no que hai baixo terra, senón no que Galicia sexa capaz de facer enriba dela. As reservas non garanten prosperidade; o que a garante é transformar ese potencial nunha cadea industrial completa: investigación, refino, fabricación e atracción de empresas tractoras. E nese sentido Galicia conta cun ecosistema que poucos territorios mineiros teñen: universidades fortes, centros tecnolóxicos punteiros, portos competitivos e unha industria con experiencia en automoción, tecnoloxía dixital e enerxías renovables. Temos mineral e temos músculo industrial. Esa é a combinación gañadora.

O verdadeiro risco está nas políticas que rexeitan por sistema, sen analizar, sen propor e sen asumir que as oportunidades tamén hai que traballalas. Esa postura é a que si podería poñer en perigo unha ocasión única que moi poucos territorios europeos teñen hoxe enriba da mesa, a de apostar por unha auténtica estratexia industrial de país. O éxito dependerá de tres palabras: gobernanza, industrialización e credibilidade. Con rigor, transparencia e participación, isto pode ser un dos motores económicos das próximas décadas.

Feito con cabeza, e Galicia está a facelo, podemos pasar de ser unha rexión con recursos minerais a ser unha rexión que crea industria, emprego e futuro a partir deles. E iso é algo do que hai que estar, sen dúbida, a favor.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade