Milleiros de visitantes aproveitaron a súa estancia en Santiago para mercar todo tipo de agasallos
As cunchas, os bastóns de peregrino, pero sobre todo obxectos pequenos coma imáns e chaveiros, entre os recordos que máis se venden
Este é o aspecto que presentaban este venres as rúas de Santiago. Milleiros de turistas elixiron a cidade esta xornada. Nin a choiva que por momentos caía con forza foi quen de disuadilos. Foron moitos os que aproveitaban eses momentos para atopar o agasallo perfecto.
"O recordo por excelencia é algo relacionado coa cuncha, co Camiño".
"Pediume moita xente que leve cousas de aquí e sobre todo para unha persoa que está maliña", contan unhas turistas.
De entre os centos de obxectos que se ofertan os que máis éxito teñen son os de tamaño pequeno.
"En xeral imáns, chaveiros, cousas pequeniñas que poidan meter no avión", explica Pablo Pío, da tenda de recordos Compostela.
"Cousiñas pequeniñas e que non pesen", apunta unha clienta.
Á hora de buscar un recordo o importante é atinar ou axustarse ao presuposto?
"Depende, se me gusta, non miro, como no caso do acibeche, o demais todo está bastante accesible".
"Sobre todo que nos guste, é o máis importante".
As xoias de prata e acibeche son todo un símbolo que inmortaliza a esencia da cidade
"Vimos buscar un pouco da prata e o acibeche que non se atopa noutros sitios e vimos aquí", conta un rapaz.
Éxito asegurado tamén cos os doces da terra.
"A torta, sobre todo, tamén os caprichos, porque lles parecen diferentes, e de licores, queimada e crema de licor", relata Bibiana Jaimes, dependenta da tenda Casal Cotón.
"Para que proben algunha delicia, así de aquí, de Galicia".
"Séntense loados con que lles leves algo, e é tamén para nós unha forma de presentarlle o noso cariño á familia", conclúen uns turistas.