Machado encabeza a marcha da oposición en Caracas e o chavismo mobiliza as bases
Machado encabeza a marcha da oposición en Caracas e o chavismo mobiliza as bases
Milleiros de persoas reclaman a vitoria de Edmundo González Urrutia nos comicios presidencias
Partidarios do chavismo saen á rúa en defensa de Nicolás Maduro, que consideran gañador lexítimo
Ás dez da mañá deste sábado, catro da tarde en Galicia, comezou en Caracas a manifestación convocada pola opositora Plataforma Unitaria Democrática para denunciar a fraude que, na súa opinión, cometeu o goberno chavista nas eleccións presidenciais do pasado domingo.
A nova mobilización contou coa participación da líder do movemento opositor, a dereitista inhabilitada María Corina Machado.
A plataforma convocou mobilizacións tamén nas principais cidades de Venezuela, para esixir que Nicolás Maduro entregue todas as actas electorais, que segundo eles demostrarían a derrota clara do chavismo nos comicio do pasado domingo.
Tres horas máis tarde saían ás rúas de varias cidades venezolanas os partidarios do chavismo gobernante, apoiando ao presidente Nicolás Maduro, ao que eles consideran lexítimo gañador das pasadas eleccións.
Maduro recorreu este venres ao Tribunal Supremo para pedir que os xuíces comproben a súa victoria, verificada de novo polo Consello Nacional Electoral.
Polo momento non hai noticias de enfrontamentos entre os chavistas e os antichavistas que se manifestan en Caracas.
Vítimas mortais
As mobilizacións opositoras desta semana deixaron tras de si polo menos once vítimas mortais, aínda que algunhas ONG falan de vinte. Mais de cen persoas quedaron feridas, a maior parte delas policías ou militares, e entre mil e mil duascentas foron detidas.