Loureiro vive o mellor momento da súa carreira: "Estou nunha situación idílica"
O xogador de Cerceda, que debuta en Primeira División, foi titular nos últimos tres partidos formando o eixe da defensa a carón de Giménez
Miguel Loureiro Ameijeida (A Silva, Cerceda, 1996) vive nun permanente soño. Aquel que tiña como cativo cando corría no campo das Eiroas en Carballo soñando con xogar no Deportivo en Primeira División. Tivo que percorrer moitos equipos na súa carreira, pasar pola Segunda B (Pontevedra e Andorra), Primeira Federación (Rácing) ou Segunda División (Córdoba, Lugo e Huesca) antes de volver á casa.
Co Deportivo acadou o ascenso o ano pasado xogando 37 partidos como titular. Moitos dicían que non tiña o nivel para estar en Primeira División pero a base de traballo conseguiu facerse un oco no equipo. A carón de José María Giménez están a formar a parella titular no centro da defensa dos tres últimos encontros aproveitando a ausencia de Bright Ede.
O rendemento de Loureiro nunca decepciona. Sempre concentrado e disposto a axudar en calquera faceta do xogo. O cercedense recoñece que está vivindo "unha situación idílica" e iso axúdao a amosar toda esa positividade no campo.
O Deportivo recuperou a boa senda dos resultados nos dous últimos encontros (Osasuna e Español), pero recoñece que estar seis xornadas sen gañar "xeraba un punto de ansiedade, sobre todo porque tiñamos a sensación de que faciamos as cousas ben pero non sumabamos puntos".