Melody gaña o Benidorm Fest e representará a España no Festival de Eurovisión 2025
Melody, coa canción "Esa diva", conseguiu 180 puntos: 70 do xurado profesional e a máxima puntuación do público, 80 puntos
O deste sábado era o segundo intento de Melody para ir a Eurovisión
O Festival de Eurovisión 2025 vaise celebrar en Suíza o 17 de maio

Melody gañou o Benidorm Fest co tema Esa diva tras conseguir 180 puntos, 70 do xurado profesional e a máxima puntuación do público, 80 puntos.
Tras a súa vitoria, Melody representará a España no Festival de Eurovisión 2025 coa súa canción Esa diva, o día 17 de maio en Suíza. A deste sábado, era un vitoria agardada por Melody, xa que era a segunda vez que intentaba ir a Eurovisión.
A sevillana, de 34 anos, foi a última artista en saír ao escenario na gala do Benidorm Fest, tras outras sete actuacións dos seus compañeiros Daniela Blasco, Kuve, Mawot, Lachispa, Mel Ömana, J. KBello e Lucas Bun.
Melody alzouse co micrófono de bronce no Palau d'Esports l'Illa de Benidorm e impúxose a Daniela Blasco, con 141 puntos conseguidos, e a J. Kbello, con 134 puntos, que foron os artistas que quedaron co podio.
A gala da gran final do Festival de Benidorm, que estivo presentada por Paula Vázquez, Ruth Lorenzo e Inés Hernand, arrincou ás dez da noite coa actuación de Nebulossa coa canción Zorra e puxo sobre o escenario outras artistas como Amaral e Rigoberta Bandini.
O xurado do Benidorm Fest 2025 estivo formado por oito profesionais, catro nacionais e catro internacionais, e as súas votacións significaban a metade do total das puntuacións que recibían os artistas. O director de RNE, Roberto Santamaría, foi o voceiro dos votos do xurado da final.
Este ano, por primeira vez nas catro edicións de Benidorm Fest, púidose votar gratis a través da aplicación RTVE Play. Mantívose a posibilidade de facelo tamén por mensaxe de texto (SMS) e por números de teléfono.
Rematada a gala da final de Eurovisión, agora o festival continúa con A noite do Benidorm Fest.