Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mellora a situación dos incendios en Galicia, hai só dous lumes activos e os dous son en Ourense

Mellora a situación dos incendios en Galicia, hai só dous lumes activos e os dous son en Ourense

Permanecen activos os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño e o incendio de Carballeda de Valdeorras-Casaio, que leva queimadas 4.000 hectáreas

O incendio de Chandrexa de Queixa, só ten activo o foco de Vilariño, polo que "evoluciona favorablemente"

Permanece estabilizado o de Larouco é o máis grande da historia de Galicia, desde que hai rexistros, tras queimar 30.000 hectáreas

 

Estado do Bosque de Ridimoas, en Beade, tras o incendio. Foto: EFE/ Brais Lorenzo
G24.gal 24/08/2025 10:55 Última actualización 24/08/2025 15:00

A situación dos incendios mellorou este domingo en Galicia, onde permanecen activos só dous grandes lumes, o de Chandrexa de Queixa e Vilariño e o incendio e de Carballeda de Valdeorras-Casaio, ambos en Ourense.

O pesadelo continúa no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, un dos dous incendios activos en Galicia. A lumieira nocturna xera imaxes ilustrativas da súa capacidade devoradora. A parroquia de Casaio vive en estado de tensión desde hai días por estas linguas de lume que parecen asediala. O incendio entrou en Galicia desde Zamora e hoxe leva arrasadas máis de 4.000 hectáreas.

"Pola noite había moito lume xusto aí nesa montaña. Víase unha cordilleira de lume ata arriba de todo e arriba había moitas lapas. Hoxe non se ve o lume porque hoxe hai moito fume e onte o fume ía mais cara á esquerda",relata unha veciña.

O lume ten polo de agora unha barreira natural que protexe a Casaio.

"O que tememos agora é que o lume cruce o río para este lado. Se cruza o río para este lado pódese meter pola zona de San Xil Vello, que é unha zona moi bonita que temos tamén, e pódenos vir ata a parroquia. Foi moita xente para alí e está alí moita xente tentando que o lume non pase para este lado. A ver se o conseguen", conta a mesma veciña.

Un dos problemas para deter o incendio é que ardeu moito entre montañas de moi difícil acceso. Iso si, nesta semana traballaron nestes lumes de xeito acumulado 233 brigadas, 34 helicópteros e 29 avións. Pero concretamente en Casaio os que traballan son os veciños.

"Tantos aéreos que hai todo por aí e aquí os únicos que apagan son os da parroquia. E debían, tanto que andan, que veñan axudar", sinala un veciño.

O impacto na biodiversidade é evidente. O lume chegou preto do o teixadal de Casaio, que atesoura teixos centenarios e algún milenario, pero polo de agora non foron danados grazas á resistencia veciñal. Todo un exemplo en medio dun panorama desolador.

Situación dos incendios en Galicia

A situación dos incendios mellorou este domingo en Galicia, onde permanecen activos só dous grandes lumes, o de Chandrexa de Queixa e Vilariño e o incendio e de Carballeda de Valdeorras-Casaio, ambos en Ourense.

Despois de estabilizar o sábado o incendio de Larouco, o máis grande da historia de Galicia tras queimar 30.000 hectáreas, o último balance de Medio Rural sinala que o lume segue activo en Chandrexa de Queixa, aínda que apenas no foco de Vilariño, polo que "evoluciona favorablemente".

Este gran lume, co que arrincou a vaga de incendios o pasado 8 de agosto, arrasou 19.000 hectáreas.

Está activo o incendio de Carballeda de Valdeorras-Casaio, que entrou en Ourense procedente de Porto de Sanabria (Zamora) e queimou 4.000 hectáreas na zona onde se atopa Pena Trevinca, a montaña máis alta de Galicia.

Imaxe do incendio de Casaio, Carballeda de Valdeorras, este sábado á noite. Foto: EFE/Brais Lorenzo Imaxe do incendio de Casaio, Carballeda de Valdeorras, este sábado á noite. Foto: EFE/Brais Lorenzo

Durante a noite logrouse estabilizar o lume no municipio lucense de Carballedo, parroquia da Cova, tras afectar a unha superficie estimada de 100 hectáreas, e este domingo pola mañá xa se deu como controlado.

Tamén pasou hoxe a situación de "controlado" o de Riós-Trasestrada, cuxa superficie queimada actualizouse a 40 hectáreas.

Permanecen estabilizados os de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 ha), A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), Carballeda de Avia e Beade (4.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha), Riós-Fumaces e A Trepa (100 ha) e Vilaboa-Santa Cristina de Cobres (70 ha).

O lume que se declarou en Oia (Pontevedra) o xoves e que obrigou a activar a situación 2 e desaloxar un cámping xa está extinguido.

A vaga de incendios que empezou o 8 de agosto en Galicia arrasou xa máis de 90.000 hectáreas, segundo os datos de Medio Rural, que só informa dos lumes de máis de 20 hectáreas ou que afectan a espazos protexidos.

A pesar da mellora da situación, a Xunta mantén a situación 2 activa en toda a provincia de Ourense.

Durante as últimas horas non se realizaron novos confinamentos nin evacuacións e todas as estradas principais están abertas ao tráfico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade