Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medran os divorcios sen acordo en Galicia

Medran os divorcios sen acordo en Galicia

Os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial din que medraron case un 5,5 % cun total de 2.040 demandas

G24.gal 06/03/2023 21:47

En 2022 mentres en España diminuíron as rupturas matrimoniais, en Galicia medraron un 1,6 %. A suba máis significativa foi a dos divorcios sen acordo. Medraron case un 5,5 %, cun total de 2.040 demandas.

"É rechamante que aumentasen máis os contenciosos ca os non contenciosos, cando é bastante claro que é mellor acudir a un proceso de separación de mutuo acordo". Das cifras publicadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial, a avogada Pilar Cortizo destaca tamén a volta ás separacións previas, que atribúe a razóns económicas.

"Antes, ante unha ruptura matrimonial un dos dous cónxuxes quedaba co domicilio. Agora mesmo isto é máis problemático, e o que estamos a ver no despacho os avogados é que prefiren diferir ese proceso do divorcio ao momento en que poidan liquidar e solucionar ese tema económico".   

Outro dato que salientar: en parellas non casadas descendeu o número de procedementos de modificación de medidas de garda, custodia e manutención de fillos e fillas.

"A baixada da natalidade é un fenómeno xeral en todo o territorio aquí en Galicia, pero máis se cabe nas parellas que non teñen vínculo matrimonial", apunta a avogada Pilar Cortizo. 

Malia a subida dos divorcios, Galicia segue a estar por debaixo da media de España en número de demandas por cada 100.000 habitantes: case 190 fronte ás máis de 200 de media estatal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade