Medra o interese pola dosificación personalizada de medicamentos en farmacias
Farmacias galegas levan anos prestando o servizo que facilita ao paciente as doses exactas de medicación
En Cataluña e no País Vasco este servizo está regulado e mesmo subvencionado polo sistema público de saúde; en Galicia está pendente de regulación
Con varios medicamentos receitados poden darse casos de esquecer unha toma, confundirse de pauta ou mesmo de pastilla. Para evitalo hai farmacias que levan anos ofrecendo de balde o chamado servizo personalizado de dosificación.
"Os medicamentos colócanse nun blíster, por semanas e distribúense en almorzo, comida, cea-merenda e noite", explica Luis Brizuela, farmacéutico da farmacia Santa Gema da Coruña.
O servizo préstase sempre baixo autorización do propio paciente ou familiares, seguindo a pauta médica e con supervisión farmacéutica. Entre as persoas usuarias "as que traballan en multinacionais e viaxan moito. Deste xeito levan en bolsas herméticas preparadas as súas medicinas para 15 días e esquécense porque non teñen que andar coas caixas nin contando as pastillas", asegura Jaime Batallán, da farmacia Batallán da Coruña.
Malia todo as persoas de idade avanzada están entre as máis beneficiadas porque, como di Luis Brizuela, "son as que teñen maior dificultade para organizarse e teñen difícil axuda porque viven sós ou porque os seus familiares non están na casa en todo o día".
A pandemia da covid fixo medrar o interese por este servizo nas farmacias. Segundo Jaime Batallán, "a dificultade para ter unha cita presencial co médico de Atención Primaria aumentou moito o interese por este servizo porque o que estabamos a ver era que tanto doentes como persoas coidadoras ou familiares tiñan moita confusión cos medicamentos".
En comunidades como Cataluña e País Vasco este servizo está regulado e mesmo subvencionado polo sistema público de saúde. En Galicia está pendente de regulación.