Medra o ambiente en Qatar a unhas horas do inicio do Mundial
Faltan pouco máis de dezasete horas para o inicio do Mundial, e o ambiente polas rúas de Qatar é de tremendo colorido.
Arxentinos, brasileiros, cameruneses amenizan a espera.
Mentres, os qatarís e os ecuatorianos ultiman os preparativos para o encontro inaugural, en que todas as olladas locais van estar postas no seu seleccionador o catalán Félix Sánchez, que se amosa alleo a todo o rebumbio que hai ao seu arredor.
Félix Sánchez, seleccionador de Qatar: "Somos moi conscientes de quen somos, do que somos e contra quen nos imos enfrontar; entón, o que imos facer é xogar ao máximo das nosas posibilidades, ser competitivos. Somos un grupo moi cohesionado e moi forte, e nada nin ninguén vai conseguir desestabilizarnos".
O ruído tamén alterou a concentración da selección arxentina debido a que Leo Messi tivo que adestrarse en solitario por problemas físicos.
Mentres tanto, en Portugal, Cristiano segue a monopolizar todo o interese tras a súa polémica co seu compañeiro Bruno Fernandes a que Bernardo Silva tratou de quitarlle importancia.
Bernardo Silva, selección de Portugal: "Eu non vexo ningún ambiente estraño na nosa selección entre Cristiano e Bruno, é un asunto del, un asunto co club del".
A campioa do mundo, Francia, tampouco escapa ás turbulencias, xa que Benzema acaba de retirarse do adestramento e periga a súa presenza no encontro do martes fronte a Australia. Un novo problema para Deschamps, que xa perdeu catro xogadores nos últimos días.