Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medios españois e portugueses buscan o mozo de 23 anos desaparecido no Miño

Medios españois e portugueses buscan o mozo de 23 anos desaparecido no Miño

O rapaz estaba cuns amigos percorrendo os areais e a auga levouno cando subiu a marea

Trátase dun veciño do Porto de 23 anos

G24.gal 20/07/2026 14:10 Última actualización 20/07/2026 14:23

Na desembocadura do Miño prosegue a busca do xove que desapareceu onte no río. Efectivos españois e portugueses traballan conxuntamente para atopalo.

Lanchas e mergulladores da Policia Marítima de Caminha rastrexan dende onte o río na procura do mozo portugués de 23 anos que desapareceu cando pasaba unha xornada de lecer cos amigos. Segundo a familia, acababa de rematar a súa formacion como director de orquestra, cun futuro prometedor.

O responsable da Comandancia Naval do Miño, o Capitán Víctor García, relata que o rapaz ía con catro amigos percorrendo os areais cando os sorprendeu a pleamar, e non puido chegar a terra. Foi arredor das dúas da tarde cando o número de emerxencias portugués recibiu unha chamada de alerta pola desaparicion dunha persoa no Miño, entre Seixas e a Illa de Cavalos, en territorio luso.

No río traballan varias embarcacións e equipos de mergulladores e un helicóptero portugués de busca e salvamento. Pola parte española, mantense unha embarcación apoiando os labores de procura e outra encargada da coordinación do dispositivo no río. En terra participan tamén efectivos da Garda Civil e do GES, que realizan batidas polas marxes do Miño.

A Garda Civil despregou tres patrullas e un dron para reforzar a procura. O dispositivo reforzarase de novo durante a baixamar, cando quedan ao descuberto bancos de area e se reduce a superficie a inspeccionar.

Todos inciden na necesidade de extremar as precaucións. Dende o primeiro momento, os pescadores de ambas beiras do Miño implicáronse e continúan axudando nos labores de busca do desaparecido.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade