Mattarella repite mandato como presidente da República de Italia
Foi elixido na oitava votación despois de que os partidos foran incapaces de atopar unha alternativa
O xurista, de 80 anos, manifestara en varias ocasións o seu desexo de non renovar para dedicarse á familia

O Parlamento italiano elixiu a Sergio Mattarella para un novo mandato como xefe do Estado, despois de que os partidos foran incapaces de atopar unha alternativa durante sete votacións consecutivas.
A falta do reconto final, o mandatario de 80 anos conseguiu os 505 votos necesarios, a maioría absoluta de 1.009 "grandes electores" que teñen dereito a participar.
Sergio Mattarella, xurista siciliano que desempeña a xefatura do Estado de Italia desde o 31 de xaneiro de 2015, manifestara o seu desexo de rematar o mandato, o 3 de febreiro, e non repetir no cargo.
Insistira en varias ocasións, nos últimos meses, que non quería renovar por outros sete anos. Mesmo se despediu no discurso de Aninovo para dar paso a unha nova figura a partir de febreiro que desempeñase as funcións de presidente da República, e así poder dedicarse exclusivamente á súa familia.
De feito, Mattarella afirmara que unha renovación no cargo, como ocorreu con Giorgio Napolitano en 2013, debía ser unha excepción e non converterse na norma. Porén, os partidos foron incapaces de atopar un consenso e apostaron de novo polo xurista siciliano para saír do bloqueo, que estaba a frear tamén a actividade do Goberno.
Segundo en renovar mandato
Mattarella convértese no segundo xefe do Estado en renovar mandato, despois de Napolitano, que tampouco quería pero repetiu en 2013, tamén pola ineficacia da política, aínda que en 2015 asinou a súa dimisión e sucedeuno Mattarella.
Nacido en Palermo o 23 de xullo de 1941 e pai de tres fillos, Mattarella foi xuíz do Tribunal Constitucional e varias veces ministro, antes de ser a máxima autoridade do Estado italiano.
Como presidente da República mantivo sempre un perfil baixo, pero o seu carácter discreto non lle impediu utilizar as poderosas prerrogativas que ten o seu cargo cando foi necesario.