Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidas doce persoas en Italia por roubos violentos de reloxos de luxo en España

Detidas doce persoas en Italia por roubos violentos de reloxos de luxo en España

A rede estaba especializada no roubo de reloxos de alta gama en zonas turísticas españolas

Os delincuentes actuaban en grupos organizados de entre tres e cinco persoas con roles perfectamente definidos

A operación foi desenvolvida pola Policía italiana en colaboración coa Policía Nacional

G24.gal 16/05/2026 12:29

A Policía Nacional liderou unha operación policial a nivel europeo contra grupos criminais especializados no roubo de reloxos de luxo, desenvolvida en colaboración coa Polizia di Stato de Italia e coa coordinación de EUROPOL, que culminou coa detención de 12 persoas en Nápoles.

As detencións, realizadas a madrugada do venres, leváronse a cabo en execución de ordes europeas de detención e entrega emitidas por distintas autoridades xudiciais españolas contra membros de organizacións criminais responsables de numerosos roubos violentos cometidos en España durante os últimos anos.

Os arrestados forman parte de grupos criminais de orixe napolitano coñecidos como “paranzas”, especializados no roubo de reloxos de alta gama en vía pública, especialmente en zonas turísticas de cidades como Marbella, Málaga, Barcelona, Eivissa e Palma de Mallorca.

Unha estrutura criminal altamente especializada

As investigacións permitiron determinar con precisión o funcionamento destas organizacións, integradas habitualmente por entre tres e cinco persoas con funcións perfectamente definidas.

Estes grupos planifican minuciosamente o seu desprazamento a España, utilizando documentación falsa para os seus traslados e aloxamentos, alén de vehículos desprazados desde Italia ou alugados para facilitar a súa mobilidade e fuxida.

Unha vez en territorio español, seleccionan coidadosamente ás súas vítimas en lugares frecuentados por turistas e persoas con alto poder adquisitivo, como hoteis, restaurantes, praias ou zonas comerciais de luxo. Tras longas vixilancias, un ou varios membros executan o roubo mediante unha acción rápida e violenta, arrincando o reloxo da boneca da vítima e fuxindo de inmediato, habitualmente en motocicleta ou scooter.

Posteriormente, outros integrantes do grupo encárganse de trasladar os reloxos subtraídos fóra de España para a súa introdución en canles de receptación internacionais.

Cooperación internacional fronte a unha ameaza transnacional

O aumento do valor dos reloxos de luxo no mercado internacional favoreceu a expansión deste fenómeno criminal por distintos países europeos.

Neste contexto, a Policía Nacional e as autoridades italianas impulsaron unha acción conxunta para actuar directamente en Nápoles, cidade de orixe e residencia de moitos destes delincuentes, permitindo executar de xeito simultáneo as ordes xudiciais pendentes.

Coas detencións practicadas nesta operación, xa son 31 os arrestos realizados no marco desta investigación en distintos países europeos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade