Publicador de contidos

Publicador de contidos

Más Madrid propón a Ada Colau como candidata de Frente Amplio

Más Madrid propón a Ada Colau como candidata de Frente Amplio

Colau aspiraría a presidencia do Goberno pero liderando a candidatura por Barcelona

IU avisa a Más Madrid de que as candidaturas "deben ser parte dun acordo global", pero valora a proposta de Colau

Sumar pide actuar con "discreción" para elixir o candidato

Comuns non confirma a candidatura de Colau e pide esperar ata lograr un "acordo global"

Ada Colau e a líder de Más Madrid, a ministra Mónica García (Alberto Paredes-Europa Press-Arquivo) Ada Colau e a líder de Más Madrid, a ministra Mónica García (Alberto Paredes-Europa Press-Arquivo)
G24.gal 07/10/2026 16:21

Más Madrid propuxo ás organizacións de Frente Amplio que a exalcaldesa de Barcelona Ada Colau sexa a candidata á presidencia do Goberno nas eleccións anticipadas do 29N e que encabece a lista pola circunscrición de Barcelona.

Así o explicaron a Europa Press fontes da formación para debullar que esta proposta responde os principios " de territorialidade, xenerosidade e funcionamento confederal sobre os que levan meses traballando as distintas forzas que conformamos Frente Amplio".

As organizacións territoriais, insisten en Más Madrid, defenden que un "verdadeiro Frente Amplio debe construírse desde o respecto ao arraigamento e a autonomía de cada forza no seu territorio".

Neste sentido, Más Madrid, desde a "xenerosidade", propón que Ada Colau sexa a candidata á Presidencia do Goberno desde Barcelona, como parte dunha "candidatura coral" que respecte a pluralidade territorial de Frente Amplio.

A través desta iniciativa histórica na configuración territorial española, Más Madrid, no seu convencemento por unha aposta confederal dos territorios que compoñen o país, cede a candidatura á presidencia do Goberno a Barcelona.

Este movemento prodúcese despois de que a executiva de Más Madrid acordase que o partido tería que liderar e confeccionar a lista ás xerais pola capital. No entanto, esta proposta implica que o seu líder e ministra de Sanidade, Mónica García, non aspira a ser a candidata á Presidencia a pesar de que soara con forza durante estes días como posible cabeza de lista.

Precisamente Colau era outra figura que emerxera con forza no debate sobre a candidatura e ela mesma desvelou onte que se lle propuxo liderar Frente Amplio, aínda que sostiña que o principal nesta alianza non ía de nomes senón de articular unha candidatura ampla da esquerda alternativa, sendo partidaria de incluír neste proxecto a Podemos.

Fontes internas do espazo consideran que o perfil de Colau é máis potente para uns comicios onde a cuestión da vivenda é un dos eixos centrais da campaña. Ademais, expoñen que o ter un perfil que non estivo vinculado ao Goberno pode ser unha virtude, que ten tirón electoral nas grandes cidades e que facilita as opcións de poder conseguir un acordo electoral con Podemos.

IU avisa a Más Madrid de que as candidaturas "deben ser parte dun acordo global"

IU avisou a Más Madrid de que as candidaturas para as eleccións xerais da nova coalición Frente Amplio "deben formar parte dun acordo global, democrático e compartido", despois de que a formación madrileña propuxese a exalcaldesa de Barcelona Ada Colau como cabeza de lista.

"Izquierda Unida fai un chamamento á responsabilidade e á xenerosidade de todas as organizacións. Vai traballar para un acordo xusto no que todas as forzas estean ben representadas e cómodas", engadiu nunha nota de prensa.

Pouco despous de emitir ese comunicado, o coordinador federal de IU, Antonio Maíllo, consideraba "unha candidatura magnífica" a de Ada Colau. Maíllo, en declaracións no Congreso, asegurou que viu en Izquierda Unida unha disposición "moi positiva" á candidatura de Colau, tras falalo no seo da reunión da Coordinadora Federal da formación, que é onde se enterou da proposta.

Aínda que Maíllo prefería enterarse dun xeito máis "ordenado" e non polos medios de comunicación, dáo "por ben feito" e insistiu en que é unha "magnífica noticia" porque Colau é unha persoa moi comprometida coa loita pola vivenda, que é unha cuestión que vai mobilizar "a moita xente" neste proceso electoral.

Sumar pide actuar con "discreción" para elixir o candidato

O partido Movemento Sumar evitou pronunciarse sobre a proposta de Más Madrid para que a exalcaldesa de Barcelona Ada Colau sexa a candidata da nova coalición Frente Amplio nas eleccións xerais, e limitouse a pedir actuar con "discreción".

"Como vimos dicindo desde o primeiro día, nós non imos fomentar unha conversación e debate algún nos medios. O que necesitamos agora mesmo é seguir conversando e actuando con discreción. Como sempre defendemos desde Movemento Sumar", sinalaron a EFE fontes desta formación. 

Comuns non confirma a candidatura de Colau e pide esperar ata lograr un "acordo global"

Comuns non confirmou este mércores á Ada Colau como cabeza de lista da nova coalición Frente Amplio, tras a proposta de Más Madrid neste sentido, e pediu esperar ata lograr un "acordo global" entre todas as formacións do espazo.

"A negociación segue aberta, estamos a traballar para facer un acordo o máis amplo posible que inclúa a todas as forzas políticas de esquerdas, coas que dialogamos para construír de xeito sólido e cohesionado Frente Amplio", sinalaron fontes de Comuns.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade