Marta Lois, no medio da tirapuxa Podemos-Sumar
Marta Lois, no medio da tirapuxa Podemos-Sumar
Os morados cuestinan o papel da galega coma voceira parlamentaria
Acúsana de falta de "nervio democrático" durante a sesión de investidura
Non hai tregua. A guerra Podemos-Sumar non dá un paso atrás, máis ben todo o contrario. A decisión de Yolanda Díaz de non deixar intervir aos morados durante a sesión de investidura engade máis leña ao lume. Podemos acusa a Díaz de querer silencialos e relegalos a un segundo plano dentro da coalición e pide un trato igualitario e de "respecto".
O voceiro de Sumar, Javier Sánchez Serna defende que a súa formación "ten que seguir tendo voz nos principais debates" e agarda que, canto antes, se reverta a situación. De non facelo, garantirán que esa voz "se escoite en outros formatos coma roldas de prensa ou entrevistas en medios".
Podemos apunta a que agora mesmo hai "unha asimetría" onde partidos "perfectamente respectables pero minoritarios", teñen voceiros adxuntos (Compromís ou Chunta), mentres Podemos que ten cinco escanos non "ten o espazo que nós entendemos que sería de xustiza".
O descontento de Podemos vai máis aló. Non lles gusta o papel da nova voceira parlamentaria, a galega Marta Lois, persoa de máxima confianza de Yolanda Díaz. E critican especialmente o papel desenvolvido durante a súa intervención no debate de investidura. Din que fixo un discurso "falto de nervio democrático" onde perdeu unha boa oportunidade para pór ao "PSOE fronte ao seu espello". Os morados piden recuperar esa "loita ideolóxica" tan característica da súa formación.
En Sumar queren esquivar esta polémica. E evitan entrar no fondo da cuestión. As profundas diferenzas entre Díaz e Belarra son un feito, pero evitan o corpo a corpo. Ernest Urtasun, insiste en que todas as decisións son consensuadas e plenamente democrática dentro do grupo e avanza que co tempo iremos "ampliando a nosa capacidade de ir tomando estas decisións".