Rajoy di que hai populismos de extrema esquerda, extrema dereita e "extrema estupidez"
Rajoy e Ernesto Zedillo alertan sobre o perigo dos populismos para as democracias liberais
Os expresidentes de España e México coincidiron en reinvindicar o papel da Unión Europea como garante do dereito internacional
A primeira xornada do Foro La Toja acolleu un debate entre os expresidentes de España e de México, Mariano Rajoy e Ernesto Zedillo, centrado no papel das institucións como garantes das democracias.
Coinciden os dous mandatarios en que o populismo é o maior perigo para as democracias liberais na actualidade. E no papel de Europa como garante do dereito internacional.
"Europa é a última gran potencia benigna. E ten os recursos, as capacidades e o deber moral de defender a vixencia do dereito internacional", afirmou o expresidente mexicano.
Mariano Rajoy defendeu a importancia de reforzar as institucións como antídoto, di, ás autocracias.
"Democracia non é gañar unhas eleccións e facer o que queiras. Implica estar sometido a controis, ao do teu propio partido, ao do Parlamento, ao do poder xudicial.... aí está a importancia das institucións. E aquí temos un problema co Poder Xudicial. Non digo que perdera a súa independencia, pero hai cousas que non nos gustan", dixo.
"Hai populismos de extrema esquerda, de extrema dereita e de extrema estupidez", dixo Rajoy, que animou a "dar a batalla" contra eles.
Tamén insistiu no perigo da polarización.
"O extremismo non se pode combatir con máis extremismo porque acaba en liorta. Ese é o problema que hai en España, que está todo polarizado".
Os dous expresidentes apostan polo diálogo e o multilateralismo como garantes dun futuro en paz.