Publicador de contidos

Publicador de contidos

María Jesús Lamas: "Cara ao outono teremos vacinas novas contra as variantes que circulan"

María Jesús Lamas: "Cara ao outono teremos vacinas novas contra as variantes que circulan"

A presidenta da Axencia Española do Medicamento insiste en que mentres estea controlada a transmisión do virus, sen infeccións graves, non hai présa pola cuarta dose da vacina

As autoridades sanitarias recomendan ser prudentes para evitar que se dispare a transmisión da covid, que segue entre nós

G24.gal 07/05/2022 10:51 Última actualización 07/05/2022 15:15

As autoridades sanitarias cren necesario encontrar un equilibrio entre recuperar a vida normal e manter unha "vixilancia activa" ante o coronavirus. Así o dicía no espazo Bos Días da TVG a directora xeral do Medicamento, María Jesús Lamas, que insistía en que estamos en "modo pandemia" con vixilancia.

"É preciso saber se as vacinas seguen mantendo a súa efectividade se xorden novas variantes que sexan resistentes á inmunidade conferida polas xa recibidas, ou por ter pasado a enfermidade" asegura María Jesús Lamas.

Nese caso habería que poñer en marcha a produción de novas vacinas. A responsable da Axencia do Medicamento pídelle á xente que manteña a prudencia, sobre todo os vulnerables e os que conviven cos maiores ou con persoas vulnerables e despois tratar de volver aos poucos á normalidade.

Asegura que o impacto da retirada das máscaras está a analizarse polos expertos en Saúde Pública, pero non é agora o dato fundamental.

"O importante agora non sería tanto e canto se transmite o virus senón canta xente enferma de xeito grave do virus e vai aos hospitais. Mentres os ingresos estean minimamente controlados, non se disparen os casos graves, a transmisión da covid ten unha importancia "relativa", agás se se producen cambios ou se detecten novas variantes moi graves" insiste a directora da Axencia do Medicamento.

De producirse esta situación -asegura- "as autoridades de Saúde Pública recomendarían volver ás máscaras".

Afirma a directora da Axencia do Medicamento que todo o que se fixo en dous anos en relación ao redor do virus é histórico e espectacular, e que non se trata só do achado científico.

"Lograr vacinas eficaces e seguras en tan curto espazo de tempo, senón tamén incrementar a produción para ter capacidade de vacinar a todo o mundo".

Asegura que iso xa se logrou e que Europa é a principal produtora e exportadora do mundo e tamén en doazóns. O problema está na capacidade que ten parte do mundo para absorber as vacinas producidas polos sistemas de saúde débiles ou outras situacións. O reto está en lograr que lles cheguen os soros a moitos países de África, do sueste asiático ou a rexións de Latinoamérica.

"Mentres non se logre unha protección suficientemente elevada en todo o mundo temos o risco de que o virus mute e aparezan variantes máis perigosas", asegura María Jesús Lamas.

Tamén quere insistir en que as vacinas son seguras e co pouco risco que teñen todo o demais é beneficio.

"Para o outono e o inverno teremos vacinas novas, contra os antíxenos novos, contra as variantes que están circulando".

Por iso di que sobre unha cuarta dose da vacina hai que escoller o momento e saber se hai mutacións do virus e a eficacia das vacinas.

"Mentres as infeccións non sexan graves non parece que haxa présa por poñer a cuarta dose. Hai que manter a vixilancia e decidir o momento indicado", insiste María Jesús Lamas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade