Manchester City e Real Madrid honran o fútbol (4-3) e cítanse para o Bernabeu
Manchester City e Real Madrid honran o fútbol (4-3) e cítanse para o Bernabeu
Partido de época no que o City foi sempre por diante e manexando vantaxes de dous goles pero o Real Madrid soubo refacerse para saír con vida
Nun dos mellores partidos que se pode ver no fútbol europeo os líderes da Premier e da Liga deleitaron o público cun gran espectáculo de fútbol e goles (4-3). Gañou o Manchester City de Guardiola, pero o Real Madrid saíu con vida dunha situación moi comprometida e agora terá o factor campo da súa parte para tentar a remonta.
O City comezou en modo apisoadora marcando dous goles nos primeiros dez minutos. De Bruyne (m2) e Gabriel Jesús deixaban frío o equipo de Ancelotti.
O Real Madrid respostou con fútbol a esa primeira acometida. Comezou a quitarlle o balón a un equipo que adoita monopolizalo e froito dese dominio apareceu un maxistral Benzemá para meter polo único lugar posible o 2-1 antes do descanso.
A segunda parte volveu comezar con outro golpe do City. Foden rematou de cabeza liberado de marcaxe para poñer dous goles de vantaxe. Pero a resposta de Vinicius resultou inmediata. Colleu un coiro en campo propio, púxose a correr como un velocista olímpico e atopou a rede. 3-2 no minuto 55.
O equipo de Guardiola volveu poñer a malladoira a pleno funcionamento. Toque e máis toque para pechar o Real Madrid na súa área. Nunha xogada confusa na que semellaba que ía asubiar unha falta anterior o árbitro Bernardo Silva atopou unha bola perdida na área para incrustala na escadra de Courtois (4-2).
Outra vez dous goles abaixo volvía o momento crítico para o conxunto madrileño, porén ese xen europeo nunca desaparece e nun balón sobre a área Laporte tocou o coiro coa man. Benzemá pediu o lanzamento malia fallar dous na anterior xornada de liga. Respirou, baixou as pulsacións e executou ao estilo Panenka para deixar a eliminatoria no aire (4-3) logo dun partido no que Manchester City e Real Madrid honraron o fútbol.