Malleira histórica de España en Turquía (0-6) camiño do Mundial
A selección de Luis de la Fuente golea na súa casa á rival máis forte do seu grupo de cualificación
Míkel Merino anotou un hat trick, e tamén marcaron Pedri (2) e Ferrán
España deu un golpe enriba da mesa no grupo de clasificación para o Mundial vindeiro. A selección de Luis de la Fuente pasou por riba de Turquía, a súa rival máis forte sobre o papel, para poñer rumbo ao primeiro posto que garante o pase á cita mundialista do ano que vén.
Con todo, o primeiro aviso deuno Turquía, cun remate afastado que detivo con seguridade Unai Simón. Pero axiña se fixo España co control do partido. Nico Williams probaba por primeira vez a Cakir, que botaba o balón a córner, e á saída do mesmo Pedri volvía obrigar a intervir ao porteiro. Un minuto despois, Cakir xa non podía facer máis. O lanzamento de Pedri desde lonxe acababa pegado ao pau e subía ao marcador. 0-1.
Entrou o partido nunha fase de ocasións alternas, sendo a mellor de España para Lamine, que erraba na definición. Pero non o fixo Mikel Merino aos 22 minutos. Culminaba unha acción incrible ao primeiro toque entre Lamine, Cucurella e Oyarzábal dentro da área. Asistencia deste e gol de Merino.
Aínda tivo outra Lamine Yamal, que non estaba atinado de cara á porta, antes de que repetise Merino. Foi no tempo engadido, 0-3 ao intervalo e a clasificación mundialista moi ben encarreirada para os de Luis de la Fuente.
Á volta de pausa, España seguiu buscando a porta rival, e Ferrán gozaba dunha grande ocasión que paraba moi ben Cakir. E o propio Ferrán, que entrara polo lesionado Nico Williams, anotaba o cuarto asistido por Lamine pouco despois.
Pero era a noite de Mikel Merino. Aos 57 minutos completaba o hat trick. E facíao con outro auténtico golazo, este cun zapatazo por toda a escuadra desde a frontal. Unha manciña antes da hora de xogo para dar un golpe na mesa de cara á clasificación para o mundial. E so cinco minutos despois caía o sexto, nunha gran xogada de Oyarzábal con asistencia a Pedro, que anotaba o segundo da súa conta particular.
O resultado era xa histórico, pero España non renunciaba a buscar o sétimo, xa con xogadores de refresco no campo, que tamén querían a súa parte. Así, entre Fermín e De Frutos fabricaron outra clara ocasión. Os últimos minutos foron de orgullo local, á busca do gol da honra que non chegou. En Turquía, 0-6 a prol da selección española.