Malia non ser obrigatoria, a máscara segue predominando na rúa
A maioría dos transeúntes prefiren levar máscara nas zonas concorridas
Non sendo en eventos multitudinarios ou nas plataformas das estacións, xa non é obrigatorio levar máscara ao aire libre. Pero o certo é que nas rúas aínda son maioría absoluta os que prefiren seguir poñéndoa.
Din os transeúntes que a poñen por precaución, sobre todo nas rúas máis concorridas e onde hai moito tráfico de xente.
Tamén hai quen celebra verse por fin liberado da máscara en exteriores. "Estou feliz" comentaba unha rapaza na rúa en Santiago. "Creo que no exterior non é moi necesaria, así que prefiro non levala", dicía outra.
Haxa distancia de seguridade ou non, a máscara na rúa deixa de ser obrigatoria. Hai máis confusión entre os hostaleiros, con respecto das terrazas: "Antes os clientes tiñan que baixar a máscara no momento de consumir e volver poñela", explican dúas hostaleiras compostelás, que din que agora "non está claro" se xa poden quitar as máscaras nas terrazas.