Publicador de contidos

Publicador de contidos

Malestar entre os comerciantes da praza de abastos de Ourense polo corte de tráfico dunha rúa para a celebración dun concerto

Malestar entre os comerciantes da praza de abastos de Ourense polo corte de tráfico dunha rúa para a celebración dun concerto

Pensan que serán moitos os clientes que deixarán de vir mercar flores por non poder facelo en coche

G24.gal 31/10/2022 14:05

Na xornada previa ao día de Todos os Santos a actividade é intensa nos postos de flores da praza de abastos de Ourense. Pero este ano a decisión do Concello de pechar hoxe a rúa Progreso para un concerto ten indignados os comerciantes. 

"Van amolar un dos mellores días de venda que ten a praza de abastos e o día máis grande que teñen os floristas. Posiblemente hoxe farían o 40 por cento da facturación de todo o ano e nestes intres xa damos por suposto que van ter perdas e van ter que tirar moitísimo material. O material estaba comprado, flor perecedoira..., un desastre", explica Alberto González, xerente da Asociación de comerciantes da praza de abastos de Ourense. 

Dentro das actividades municipais do Samaín inclúese o concerto esta noite do grupo Mago de Oz, o escenario vai estar xusto en fronte da praza de abastos, de por medio a rúa Progreso. Así que o Concello decidiu cortar o tráfico durante todo o día e parte da próxima madrugada.

"Temos que descargar moi rapidamente porque non nos deixan ter aquí as cousiñas. Están montando varias carpas, segundo din eles para a seguridade do concerto, e temos que andar un pouco pola vía rápida".

"Non sei que vai montar, pero dende as nove da mañá as seis da madrugada do día seguinte... é unha rúa principal. Isto é inaudito".

Pensan que serán moitos os clientes que deixarán de vir mercar flores por non poder facelo en coche. 

"É unha campaña grandísima, grazas a Deus levamos vendido moito, a xente adiantouse, pero hai moita xente que vai vir hoxe e vai vir mañá. Vainos afectar moito, a xente non vai ter mobilidade".

No edificio da praza de abastos traballan preto de 50 comerciantes, nos postos de arredor outros tantos. Pero sen dúbida os máis prexudicados, din, van ser os floristas. 

"Esta xente hoxe é o día deles, de toda a xente que vende flor, entón que lles fagan isto a min paréceme horrible".

Os comerciantes consideran que pechar a rúa tantas horas é desproporcionado, que poderían ter habilitado outro lugar para o concerto ou comunicárllelo con tempo para poder buscar unha alternativa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos