Máis de mil mozos galegos prepáranse para ir recibir o papa a Madrid
A arquidiocese de Santiago viaxará cun grupo de 200 mozos e mozas, de 15 a 30 anos de idade
Na conta atrás para a visita do papa León XIV, son moitos os que se preparan aquí para ir recibilo. Calcúlase que, dende Galicia, viaxarán esta fin de semana a Madrid máis de mil mozos e mozas. Douscentos irán co grupo que organizou a arquidiocese de Santiago.
"Somos sobre 200 mozos os que participaremos, pero tamén hai moitos colexios e congregacións relixiosas que van participar pola súa conta", di o delegado de Infancia e Xuventude, Javier García. Calcula que da zona de Santiago poden viaxar "cerca de 500 en total", e que superarán os mil contando toda Galicia.
No grupo de Santiago viaxarán rapaces e rapazas de quince anos en diante, e sobre todo universitarios. Están organizados para atender uns dos outros.
"Armamos varios equipos para distintas cousas, responsables de menores, xente que nos axude coa orde, coa mobilidade, etc", explica Martina Lynch, secretaria da delegación de Infancia e Xuventude.
Para trasladar o grupo, a arquidiocese contratou tres autobuses, "un de Santiago de Compostela, outro da Coruña e un de Pontevedra", explica Lynch. E di que xa teñen o cupo pechado. Tirarán de esteira e de saco para durmir nunha parroquia da cidade, e celebran que lles tocou un bo sitio: van ver o papa de cerca.
"Hai que acreditarse, e xa temos o código QR para poder acceder os actos. A verdade é que nos tocou bastante cerca", di Javier García. Así que, segundo conta Martina Lynch, van ilusionadísimos. "Encontrarse co papa é toda unha novidade, que veña a España, e poder velo de tan cerca, creo que vai ser moi emocionante", di.