Máis autores, exposicións e novidades ca nunca na 28 edición de Viñetas desde o Atlántico
É difícil destacar unha ou dúas mostras entre tantas, pero a de Mafalda, no Palexco, e a dedicada a Castelao na praza de María Pita están sendo algunhas das máis comentadas
As Viñetas desde o Atlántico séntese en toda a cidade, cos grandes clásicos do cómic asexando desde as cornixas o panorama desde 2025.
A zona do Kiosko Afonso é o centro de referencia, cun gran paseo de librerías especializadas en banda deseñada, e ducias de curiosos e entusiastas da linguaxe desta arte secuencial. Dentro, artistas como Víctor Coyote, don Rogelio, ou Olicia e Clara, de Cols, axúdannos a explorar a relación do cómic co punk-rock dos 80.
"É unha linguaxe que está conectada coas grandes disciplinas artísticas. Por exemplo este ano todo o que podemos ver no Kiosko Afonso son autores ou autoras que son músicos ou teñen unha relación coa música moi intensa", declarou Manuel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico
No Palexco, Quino: máis de cen orixinais de Mafalda. E un ScanMenow que permite facer reproducións en 3D, da nosa imaxe coa nena máis ocorrente de Bos Aires.
E no ano Castelao, non podía faltar unha homenaxe a unha das nosas figuras culturais máis sobranceiras.
"Nos catro volumes que levamos publicados, nos que se basea esta exposición, está case todo contado ata o exilio. Pero non é unha orde cronolóxica. Imos avanzando pero con moitos flask-back", dixo Inacio Vilariño, guionista dos Cómics de Castelao en BD.
Inacio Vilariño no guión e con debuxos de Iván Suárez, a expo, na sala de María Pita, amosa, cunha rigorosa documentación histórica, algúns dos episodios máis célebres e tamén máis descoñecidos do autor do 'Sempre en Galiza'.