Publicador de contidos

Publicador de contidos

Culturgal conclúe este 2025 cun satisfactorio resultado de máis de 16.000 asistentes

Culturgal conclúe este 2025 cun satisfactorio resultado de máis de 16.000 asistentes

A cita reuniu propostas de cómic, literatura, cinema, arte contemporánea, teatro, música, circo ou videoxogos co propósito de divertirse coa cultura

Espectáculo 'Un baile ceibe' da compañía de danza de Fran Sieira na praza central de Culturgal (Cedida Culturgal) Espectáculo 'Un baile ceibe' da compañía de danza de Fran Sieira na praza central de Culturgal (Cedida Culturgal)
G24.gal 01/12/2025 09:13

A feira de industrias culturais Culturgal pechou este domingo unha edición, a deste 2025, cun satisfactorio resultado de máis 16.100 espectadores, á espera do reconto definitivo ao termo da cita.

Así o trasladou nun comunicado remitido aos medios o director de Culturgal, Camilo Franco, que considera que as cifras de asistencia avalan a forte aposta pola programación deste ano, máis ampla e de maior calidade en todas as disciplinas da cultura que en anos anteriores.

"Ano a ano damos pasos para atraer novos públicos", agregou Franco, sobre unha cita que axuntou baixo un mesmo paraugas propostas de cómic, cinema, arte contemporánea, teatro, música, circo ou videoxogos.

Desde o concerto inaugural do pasado xoves ata as tres xornadas de feira no Pazo da Cultura de Pontevedra desta fin de semana, máis de 16.100 persoas tiveron a oportunidade de divertirse coa cultura, remarcou o director, que aposta por seguir avanzando nos plans para estender a programación da cita a outros espazos da cidade.

O peche do Culturgal 2025 tivo lugar tras as dúas últimas actividades: un acto de homenaxe á escritora Begoña Caamaño, preludio do Días das Letras Galegas de 2026 dedicado á súa figura, e un concerto de Óscar Ibáñez que baixou o pano da presente edición. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade