Madonna responde ao Celta e di que garda a camiseta: "levo o voso equipo en espírito!"
A cantante recolleu a chamada do equipo despois de que o grupo SonDeSeu interpretase 'Like a Prayer' na previa ao partido contra o Real Madrid
Madonna respondeu, 72 horas despois, á chamada do Real Club Celta de Vigo na súa procura da camiseta que a cantante luciu no concerto de Balaídos en 1990 e confirmou que é ela quen aínda a conserva.
"Esta camiseta está gardada na miña colección! Levo e represento ao voso equipo en espírito!", publicou esta tarde a cantante no seu perfil de 'X'.
— Madonna (@Madonna) March 7, 2026
Con esta mensaxe, cumpriu o obxectivo que tiña a carta que a súa presidenta, Marián Mouriño, dirixiu á artista o pasado mércores e coa que lle preguntaba: "Tela ti?".
A cantante recolleu a chamada do equipo despois de que, na pasada noite, o grupo SonDeSeu interpretase o clásico 'Like a Prayer' na previa ao partido contra o Real Madrid, unha actuación que ela mesma incluíu na súa publicación.
O equipo xa reaccionou á súa resposta e dixo: "Querémoste, Madonna. Grazas por responder e por manter viva unha peza da historia do Celta".
We love you, @Madonna 🩵
— Celta (@RCCelta) March 7, 2026
Thank you for replying — and for keeping a piece of Celta’s history alive.
Sempre Madonna. Sempre Celta. https://t.co/yHNOV1jmjl
Carta de Marián Mouriño a Madonna
Na súa viral carta, Mouriño pedíalle "axuda" para atopar a peza e explicáballe que o recordo da noite do 29 de xullo "segue moi vivo" entre a afección:
"A túa imaxe coa nosa camiseta converteuse nun mito e forma parte desa historia do Celta que tamén se escribe fóra do terreo de xogo".
A presidenta aseguraba que a imaxe de Madonna coa elástica celeste "comezou a brillar doutro xeito co paso dos anos" porque agora enténdese mellor o que a cantante defendía entón, o que para Mouriño consiste en "cuestionar o establecido e facer fronte a quen pretende dicirche o que podes ou non podes facer".
"No club que presido, recoñecémonos nesa maneira de estar no mundo", reflexionaba.