A superioridade do Celta non ten premio en Mestalla (0-0)
Os galegos dominaron con claridade, pero faltoulles pegada
Javi Rodríguez e Marcos tiveron as mellores opcións galegas
Rueda quedou fóra da aliñación e alimenta os rumores da súa marcha
A temporada de liga arrancou para o Celta. E foi para despedir Mestalla, cunha aliñacion desas que adoita Claudio, sorprendentes. Porque Javi Rueda quedou fóra e deu para alimentar os rumores da súa marcha. Porque entrou Galán que apenas contara na pretemporada. E porque arriba o tridente Jones, Jutglá e Hugo Álvarez era difícil de imaxinar.
O Celta saiu con Radu en portería, Javi, Yoel Lago e Marcos como centrais; con Carreira, Román, Febas e Galán na liña de catro no mediocampo e co tridente mencionado arriba. E saiu disposto a controlar, a acumular balón, pero con escasa profundidade. Os primeiros 25 minutos aburriron a Mestalla.
Pasado ese tempo, o Celta soltou unha faísca con Jones, mais lle seguiu a custar. Con dificultade para rachar o muro do Valencia nos últimos 30 metros, moi previsible.- E cunha presión ineficiente que non lle permitía recuperar arriba. A primeira parte pechou cun disparo de Javi Rodríguez. O Celta ofreceu pouco, pero sempre quixo ser protagonista. Neste tempo, o Valencia apenas deixou unha transición perigosa de Ugrinic co tempo cumprido. Polo demais, nada.
Na segunda parte, o Celta axustou e pasou a dominar con máis claridade, a vivir preto da área do Valencia. Sentáise máis equipo. Nese treito, Williot pedia un penalti e a seguir Danjuma advertía do que acontece cando un se despista; encaraba a Radu nunha contra. A mellor opción local. A iso xogou o conxunto local; a pecharse e buscar a contra.
E así foi caendo o partido, cun Celta superior que non plasmaba e cun Valencia que se sentía vivo pola estreitez do marcador. Cando o cronómetro xa acariñaba o minuto 90 e Mestalla asubiaba a actitude dos seus, Marcos Alonso tivo na bota esquerda a ocasión de facer xustiza e volver coa vitoria para Vigo. Pero o seu tiro lambeu o pau, por fóra.
Acabado o partido, na sala de prensa, o técnico do Celta amosábase ledo polo partido e aseguraba que era o mellor partido inaugural de liga do Celta con el como adestrador.