Troula e tradición, da man nun animado Martes de Entroido
Desfile de folións por Manzaneda coas mázcaras bailando
Madamas e galáns toman as rúas de Vilaboa no entroido de Cobres
Neste Martes de Entroido, a provincia de Ourense vive o día grande dunha das súas festas máis tradicionais con numerosas citas por todo o territorio.
É o caso de Manzaneda. Ata nove folións déronse cita no tradicional desfile polas rúas da vila. Tras o correspondente permiso, as Mázcaras, emblema da festa neste concello ourensán, comezaron os seus bailes acompasados ao ritmo de bombos, aixadas e gadañas.
Caxato en alto, xiran sobre si mesmas nunha danza arcaica que se vai transmitindo de xeración a xeración. Os seus puchos, engalanados con cintas e papeis de cores, son o símbolo dun entroido que perviviu case intacto nesta zona da alta montaña de Ourense.
Entroido de Cobres
Celébrase con forza este martes festivo en distintas vilas da provincia de Pontevedra. Un dos entroidos con máis sona é o de Vilaboa, onde esta mañá xa saíron percorrer as rúas as madamas e os galáns, para facer as danza tradicionais e despregar toda a fermosura e vistosidade dos seus traxes. Os participantes levan meses preparándoos con agarimo, sobre todo os sombreiros. Esta tarde celebrarán a corrida do galo, un conxunto de xogos populares en que moitos acabarán mollados.
Tamén na Coruña
O barrio de Monte Alto, e en concreto a rúa da Torre, converteuse no epicentro dos festexos neste día grande do Entroido na cidade da Coruña. Malia que os concursos de choqueiros celébranse a partir das cinco, cara ao mediodía xa atopamos ambiente.
