Madamas e Galáns animan o Entroido en Cobres
Empezan catro días de festa que culminarán o martes, día grande do Entroido en Vilaboa, onde a tradición mantense desde hai tres séculos
Máis dun cento de persoas percorren as rúas das parroquias de Cobres desde primeira hora da mañá. Son os bailaríns e os músicos que manteñen vivo este Entroido peculiar: os personaxes principais van a cara descuberta e presumen da beleza dos seus traxes, sobre todo as Madamas, aínda que só os sombreiros poidan pesar entre catro e seis quilos.
"Agora mesmo tardo 45 minutos para vestirme pero para facer o traxe hai que empezar un ano antes a coser todo". "Todo é práctica. Afáste cos días, están feitos á túa cabeza", explican un galán e unha madama.
"Agora que parou de chover empezamos, imos chamando polas casas que saian a vernos, botarlle uns bailes e onde nos abran parar tamén", di Martín Duarte Río, presidente da asociación cultural de Cobres.
O Entroido en Vilaboa está documentado desde o século XVlll. Non parou nunca e é algo que se espera todo o ano con moita ansia.
"Gústame velo. Non participo moito nel pero é unha tradición de aquí e gústame que haxa", di un veciño.
"Para min é como unha gran familia. Ao final estamos catro días xuntos, pasándoo ben, levámonos todos ben, maiores coidan de pequenos e pequenos de maiores". "O Entroido é un sentimento, ilusión e un orgullo", relatan unha madama e un galán.
Desde hoxe ata o martes, que é o día principal coa Corrida do Galo, son catro xornadas intensas nas que os danzaríns e os músicos só paran para comer. Ao remate de cada día, festa na carpa e baile con orquestra.
"A todo o mundo que queira vir, é ben recibido, sempre sabendo a onde se vén. Estes traxes son laboriosos de facer e teñen un valor sentimental moi importante e calquera que veña a este ou a outro entroido ten que saben onde vai", pide Martín Duarte Río, presidente da asociación cultural de Cobres.