Publicador de contidos

Publicador de contidos

Macron anuncia a morte dun segundo caso azul ferido no Líbano

Macron anuncia a morte dun segundo caso azul ferido no Líbano

O falecido resultara ferido de gravidade no incidente en que morreu no acto un primeiro soldado, unha emboscada que París atribúe a Hezbollah

Macron precisou que o ataque non se dirixía especificamente contra Francia, senón contra a misión da ONU no Líbano

Con estas son xa tres as vítimas francesas en Oriente Medio desde o inicio dos bombardeos dos Estados Unidos e Israel contra Irán

O presidente francés e o primeiro ministro libanés que está de visita en Francia. Reuters. O presidente francés e o primeiro ministro libanés que está de visita en Francia. Reuters.
G24.gal 22/04/2026 16:26

O presidente francés anunciou este mércores o falecemento dun segundo casco azul francés da forza da ONU no Líbano (FINUL) que resultara ferido de gravidade no incidente en que morreu no acto un primeiro soldado, unha emboscada que París atribúe a Hizbulá.

Trátase do cabo primeiro Anicet Girardin, que fora repatriado este martes a Francia tras resultar ferido de gravidade na escaramuza do pasado sábado na que caeu o xefe da súa unidade, o suboficial Florian Montorio, indicou Macron nas súas redes sociais.

Con estas son xa tres as vítimas francesas en Oriente Medio desde o inicio dos bombardeos dos Estados Unidos e Israel contra Irán o pasado 27 de febreiro, tras a morte hai un mes do suboficial Arnaud Frion na rexión de Erbil, no Kurdistán iraquí, nun ataque cun dron á súa unidade que Francia atribúe a unha milicia proiraniana.

A ministra de Defensa, Catherine Vautrin, precisou que Girardin resultou ferido cando intentaba socorrer a Montorio, que recibira disparos dunha milicia mentres participaba nunha operación de desminado, unha das misións que ten atribuídas a FINUL. A unidade en que participaban os dous soldados atopouse no centro dunha emboscada cando intentaban retirar un artefacto explosivo nunha vía do sur de Líbano.

Tras o falecemento de Montorio, Francia recibiu garantías das autoridades libanesas de que farían todo o posible para esclarecer esa emboscada e arrestar aos seus autores.

Macron, que non deixou dúbidas da implicación de Hezbollah nese ataque, precisou que non se dirixía especificamente contra Francia senón contra a FINUL, cuxa misión considerou esencial para lograr o desarmamento do grupo xiíta.

O propio primeiro ministro libanés, Nawaf Salam, condenou este mércores o ataque nunha visita a Macron en París, onde reiterou a súa vontade de aclara o suceso e acabar coa capacidade de acción de Hezbollah. O presidente francés, pola súa banda, reiterou o seu apoio ao Goberno libanés, en particular no seu labor contra o grupo armado, cuxa implicación na tensión actual en Oriente Medio, dixo, arrastrou ao Líbano a unha guerra "que non é a súa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade