León XIV pide que "medren os espazos de liberdade" en Guinea Ecuatorial
O papa fixo esta petición nunha misa na que tamén estaba o presidente Obiang
Guinea Ecuatorial foi a última para da intensa xira do Sumo Pontífice por África
León XIV pediu este mércores "que crezan os espazos de liberdade" en Guinea Ecuatorial, durante a misa que oficiou en Mongomo, a cidade natal do presidente Teodoro Obiang, no poder desde 1979 e cuxo réxime é criticado pola oposición e organizacións humanitarias.
"De que ten fame hoxe este país? (...): hai fame de futuro, pero dun futuro habitado pola esperanza, que poida xerar unha nova xustiza, que poida dar froitos de paz e fraternidade", manifestou o papa na súa homilía, pronunciada en español, na basílica da Inmaculada Concepción, ante unhas 100.000 persoas, entre elas o presidente Obiang, a súa esposa e o seu fillo Teodorin Obiang.
No seu segundo día en Guinea, última etapa da súa intensa xira por África, o papa trasladouse ata Mongomo, unha cidade que antes do auxe petroleiro da década de 1990 era pouco máis que un centro rexional rodeado de densas selvas tropicais e ao que agora o goberno destinou importantes investimentos construíndo edificios e infraestruturas.
Un destes edificios é precisamente a basílica da Inmaculada Concepción, o edificio relixioso máis grande de África Central e o segundo máis grande do continente. Congregáronse no interior do templo e arredores, unhas 100.000 persoas para asistir á misa de León XIV.
Neste lugar, o papa na súa homilía animou a non esperar "de forma pasiva" ese futuro de esperanza: "O futuro de Guinea pasa polas decisións que vostedes toman; está confiado ao seu sentido da responsabilidade e ao compromiso compartido de custodiar a vida e a dignidade de cada persoa", dixo.
Robert Prevost instou a que se "traballe ao servizo do ben común e non de intereses particulares, superando as desigualdades entre privilexiados e desfavorecidos".
"Que crezan os espazos de liberdade e que se salvagarde sempre a dignidade da persoa humana; penso nos máis pobres, nas familias en dificultade; penso nos reclusos, a miúdo obrigados a vivir en condicións preocupantes de hixiene e de sanidade", afirmou o papa.
Guinea Ecuatorial, a pesar de ter unha alta renda per cápita pola exportación de petróleo, enfronta desafíos significativos de pobreza, con aproximadamente o 50,7 % da súa poboación vivindo baixo a liña de pobreza nacional, segundo datos do Banco Mundial.
"Son moitas as riquezas naturais que o Creador lles deu; exhórtoos a cooperar para que poidan ser unha bendición para todos", dixo o pontífice noutro momento da súa homilía.
Con motivo da visita papal a Guinea Ecuatorial, o Comité Central da Alianza Nacional para a Restauración da Democracia, organización de oposición política que opera no exilio) describe a Guinea como un país "secuestrado pola familia presidencial", segundo unha carta aberta dirixida a León XIV que publica o portal Asia News.
Na misa do papa en Mongomo estaba presente a familia Obiang, incluído Teodorin, o fillo do presidente, vicepresidente do país e que foi obxecto de investigacións e condenas en Francia por branqueo de capitais.