Luis Casimiro asina a súa continuidade no Río Breogán
O adestrador manchego seguirá dirixindo o banco celeste na tempada 2026/27
Luis Casimiro cumprirá así a súa terceira campaña consecutiva no banco lucense
O Río Breogán seguirá contando cun dos adestradores con maior traxectoria na elite do baloncesto español. Luis Casimiro Palomo, natural de Villamayor de Calatrava (Cidade Real), cumprirá na próxima tempada 26/27 a súa terceira campaña á fronte do conxunto lucense.
Cunha traxectoria que superou recentemente os 800 partidos dirixidos na ACB -o que o mantén como o terceiro técnico con máis encontros na historia da Liga Endesa-, o preparador manchego chegou a Lugo para facerse cargo do equipo na décima xornada da tempada 2024/2025. Logrou endereitar o rumbo celeste e acadar unha permanencia folgada tras un inicio de liga complicado.
Luis Casimiro cumprirá así a súa terceira campaña consecutiva no banco lucense. O adestrador do Río Breogán dirixiu a un amplo número de equipos e no seu palmarés figura un título de Liga ACB na tempada 1997/1998 co TDK Manresa, así como unha Supercopa Endesa á fronte do Gran Canaria na tempada 2016/2017.