Rueda entrega as Medallas Castelao: "a identidade galega non está marcada polo conflito, senón polo acordo"
Rueda entrega as Medallas Castelao: "a identidade galega non está marcada polo conflito, senón polo acordo"
Luar na Lubre e Víctor Freixanes, entre os condecorados este sábado coas Medallas Castelao 2025
Completan a lista de galardoados o empresario Emilio Pérez Nieto, a médico de familia Rosa Rodríguez Álvarez e a Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA)
O grupo Luar na Lubre, o escritor Víctor Freixanes, o empresario Emilio Pérez Nieto, a médico de familia Rosa Rodríguez Álvarez e a Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) foron condecorados este sábado coas Medallas Castelao, "un dos recoñecementos máis importantes que outorga a comunidade galega", segundo destacou o propio presidente, Alfonso Rueda.
No inicio da súa intervención, Rueda, reivindicou a pluralidade como "unha das grandes fortalezas" da sociedade galega e defendeu que as Medallas Castelao, efeméride que este ano coincide co Ano Castelao, "demostran que a identidade galega non está marcada polo conflito, senón polo acordo".
O presidente galego subliñou que Galicia é terra de consensos.
"As Medallas Castelao demostran un ano máis que a identidade galega non está marcada polo confliuto senón polo acordo. Demostran que mentres noutros lugares do mundo a cohesión social estase a disolver e o individualismo está a invadilo todo, en Galicia somos quen de tecer consensos ou, cando menos, de intentalo con moito máis empeño que noutros lugares", dixo Alfonso Rueda.
Bieito Romero, de 'Luar na Lubre', grupo que o ano próximo conmemora os seus 40 anos de existencia, agradeceu "o valor singular" que outorga o ser distinguido cun premio como este e en Galicia, o cal leva, ademais, o nome dunha figura esencial.
Adiantou que o vixésimo traballo discográfico desta banda folk que deu máis de dous mil concertos en máis de cincuenta países honrará a palabra "lubre", que foi recentemente incorporada ao dicionario da Real Academia Galega.
Ademais, quixo ter unha lembranza moi especial nesta data tan sinalada:
"Este premio vai dedicado á memoria de dous grandes da nosa música e amigos de Luar Na Lubre: o xornalista Nonito Pereira e o músico Emilio Cao", apuntou Romero
Pola súa banda, o ex presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, avogou por un gran pacto pola lingua no que participen todas as forzas políticas. O idioma é "un patrimonio común que non podemos negociar", dixo, e aínda que a súa supervivencia "compromete" a todos, "de modo especial aos que democraticamente nos representan".
Freixanes citou varias veces a Castelao, como neste fragmento do seu célebre discurso Alba de Gloria, de 1948:
"O idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes. O feito diferencial de Galicia.Son a enerxía colectiva que nunca perece e necesitamos, a esperanza que nunca se cansa. O que fomos, o que somos e o que seremos sempre", lembrou Freixanes.
A médico Rosa Rodríguez Nieto tivo palabras emotivas cara aos seus compañeiros de profesión, e dixo que é unha honra recibir esta distinción en nome de todo o persoal de atención primaria da sanidade galega. Dela destacou a súa entrega e compromiso. Ademais, pediulle a sociedade que respete e coide dos seus profesionais sanitarios.
Emotivo discurso tamén o de Susi Seoane, vicepresidenta de AGAELA, que detallou o traballo que veñen desenvolvendo para visibilizar a enfermidade da ELA "e mellorar a calidade de vida dos afectados". Cómpre lembrar que, na actualidade, a asociación dá apoio a máis de 130 familias de toda Galicia.
Tamén se recoñeceu con esta distinción o labor do empresario Emilio Pérez Nieto, presidente honorífico do grupo Pérez Rumbao, "líder no sector da automoción en Galicia con 50 compañías, 60 talleres e 1.900 empregados".
Deste empresario, o titular do executivo galego subliñou que se puxo á fronte da empresa familiar con só 23 anos -converténdoa en "todo un referente"- e que contribuíu a dar voz ao tecido produtivo da comunidade galega a través de diferentes entidades, como a Confederación de Empresarios de Galicia, a Asociación Galega de Empresa Familiar ou o Foro Económico de Galicia.

O acto rematou coa interpretación do himno galego por parte da cantante Miriam Rodríguez.
As Medallas Castelao son unhas condecoracións de carácter civil que concede a Xunta e que recoñece a achega profesional e persoal de personalidades ou institucións polo seu traballo no ámbito artístico, literario, intelectual ou en calquera campo significativo para Galicia.
O galardón entrégase cada ano o 28 de xuño, é dicir, este sábado, co obxectivo posto en conmemorar a volta a Galicia dos restos do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Este ano o acto de imposición das Medallas Castelao en San Domingos de Bonaval celebrouse baixo a presidencia do titular da Xunta, Alfonso Rueda, e participaron diferentes autoridades, como o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, entre outras.