Lección maxistral do Breogán liderado por un Musa estelar
Lección maxistral do Breogán liderado por un Musa estelar
Trinta e tres puntos, dez rebotes, catro asistencias e tres recuperacións para unha valoración de 44. Foi a carta de presentación de Dzanan Musa na pista do Valencia. Unha actuación maxistral chave na vitoria do Breogán na pista de Valencia (97–98), un resultado enganoso e maquillado nos últimos segundos, que non reflectiu a clara superioridade lucense.
O primeiro cuarto amosou as intencións breoganistas. Musa esnaquizaba o aro de Valencia (14 puntos) para acabar cun 19–29 espectacular. O Valencia, un dos equipos máis importantes da ACB, víase impotente para frear o caudal ofensivo dun Breogán que se foi ata os cincuenta puntos na primeira metade (36–50).
O terceiro cuarto acabou por sentenciar o partido. Lonxe de reaccionar, Valencia afundiuse sen poder atopar o xeito de parar a Musa, ben secundado por Kalinoski ou Bell Haynes (50–75). No último cuarto, o Valencia tirouse á desesperada. Fixo un parcial espectacular de 47–23 grazas ao seu acerto na tripla (9/16), pero non lle serviu para ter opción de levar o triunfo.