Larsen abre a saga dos goles con cornos
O noruegués tardou 809 minutos en marcar o seu primeiro gol coa camisola celeste
Alá polo primeiro de setembro, Strand Larsen asinou polo Celta e afirmaba que era o mellor día da súa vida. O que non podía imaxinar era que ía desaparecer a facilidade goleadora con que viña do Groninguen. Catorce tantos en 32 partidos. E que, de súpeto, sentiría afrouxada a súa confianza.
Certo é que Larsen nunca perdeu o sorriso, como tamén que arrastrou 809 minutos de seca e desesperación na Liga. Así foi que Carvalhal falou hai uns días con el. E esta xornada mandouno ao banco. Para darlle un respiro, pra aliviar presión. A táctica funcionou. Larsen entrou no minuto 64 e catro despois fixo o seu primeiro gol no campionato.
Larsen rescatou a súa moral e o equipo un punto. Mais o celtismo quixo lembrarlle que nunca dubidou. Será o primeiro gol de moitos. Un tanto pra abrir a saga dos goles con cornos, do reino viquingo, nas áreas de Balaídos.