Lara Méndez substitúe a Lago Lage á fronte da secretaría de organización do PSdeG
A lucense faise cargo dunha área clave nunha dirección da que sae Leiceaga e na que Carmela Silva segue de presidenta
A número dous do partido fixa as municipais do vindeiro 2027 como primeiro reto tras asumir o cargo

Lara Méndez, persoa da máis absoluta confianza do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, convértese na secretaria de Organización da nova executiva saída do XV Congreso, que é paritaria, con 21 homes e 21 mulleres.
A que fora alcaldesa de Lugo e colaboradora próxima a Besteiro desde hai décadas, faise cargo dunha área clave para a paz interna do partido tras unha etapa na que tiveron que facer fronte a crises en agrupacións como as de Narón, O Carballiño e Santiago de Compostela.
Asume o cargo, que ocuparon no pasado persoas como José Manuel Lage Tuñas, nun novo equipo, que fai desaparecer a Secretaría de Organización Adxunta que ocupaba a edil das Pontes, Ana Pena.
Ademais da remuda de Luis Lago Lage, encargado desta área, que pasa a facerse cargo de Administración, Acción Electoral e Réxime Interior, prodúcense en total 14 cambios.
Cómpre salientar a saída de Xoaquín Fernández Leiceaga e a entrada de tres representantes de Xuventudes Socialistas, entre eles a alcaldesa máis nova de Galicia, Uxía Oviedo, rexedora de Maceda.
Novas secretarías
Incorpóranse novas secretarías como as de Innovación, IA e Transformación Dixital, Rexeneración Democrática e Transparencia e Memoria Histórica e Laicidade.
Son membros natos os secretarios provinciais, o secretario de Xuventudes sScialistas, o delegado do Goberno, o presidente da Fegamp, os presidentes das dúas deputacións gobernadas polo PSdeG e o portavoz parlamentario.
Deste xeito, cos cambios introducidos, o novo equipo que acompaña a Besteiro aos mandos do PSdeG aumenta lixeiramente (43 membros) e mantén as súas catro secretarías executivas. Ademais, a viguesa Carmela Silva continúa como presidenta.
Oficializa a figura do voceiro
Entre as novidades principais, faise oficial a figura do voceiro da executiva, un cargo que mantén Julio Torrado, ademais de facerse cargo da área de Sanidade, ata agora en mans do exministro José Miñones, que sae do equipo.
Besteiro reforza o secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, que entra como responsable de Acción Territorial e Formación, nunha executiva na que a vicesecretaria dos socialistas composteláns, Marta Álvarez-Santullano, continúa como responsable de Relacións Institucionais.
Abel Losada na área económica
Un dos trocos máis destacados prodúcese na área de económica e facenda, onde os principais asuntos serán capitaneados polo vigués Abel Losada, tras a saída do economista que fora portavoz parlamentario do PSdeG en varias etapas, Xoaquín Fernández Leiceaga.
O recambio prodúcese nun momento no debate sobre o financiamento autonómico, que cobrou forza tras os acordos en materia de financiamento alcanzados polo Partido Socialista e ERC.
Da área de Educación, en mans do lucense Luís Álvarez, encargarase o profesor e edil en Camariñas Fabián Canosa, que tamén se fará cargo dos asuntos relacionados coa formación profesional.
Ademais, entre outros, a nova executiva incorpora a secretaria local do PSOE ourensán, Natalia González Beneitez, quen se encargará de Política Social, Maiores e Dependencia.

Municipais como primeiro reto
A número dous do PSdeG, Lara Méndez, agradeceu este domingo a confianza do partido e sinalou que o seu primeiro "reto" como secretaria de Organización son as eleccións municipais do vindeiro 2027.
En declaracións á prensa antes de acceder ao plenario do XV Congreso do PSdeG, a exalcaldesa de Lugo puxo en valor a súa traxectoria no ámbito municipal e considera que precisamente esa foi unha das calidades que pesou na súa elección.
Méndez lembrou que medrou politicamente no ámbito municipal, "fundamental" para o socialismo galego, xa que é o que "está no día a día dos veciños".
De cara aos comicios locais de 2027, asegurou que o obxectivo é "manter" as alcaldías socialistas, que gobernan a máis dun millón de galegos, pero tamén "incrementar a base territorial".
Nese obxectivo, Méndez prometeu "envorcar todo o esforzo" baixo a convicción de que as "sociedades se cambian desde o local". Logo, o partido poñerase a traballar no seguinte reto que será o autonómico para que o PSdeG volva ser "esa alternativa real en Galicia".
A nova secretaria de Organización manifestou o seu agradecemento ao líder do partido, José Ramón Gómez Besteiro, con quen comparte traxectoria política desde os seus inicios.
Méndez asume o mando do aparello do partido con "moita satisfacción e con ganas de empezar o traballo porque José Ramón non nos vai permitir outra cousa".
Nova executiva
Estes son, ao completo, as persoas integrantes da dirección do PSdeG:
-Presidencia: Carmela Silva Rego
-Secretaría Xeral: José Ramón Gómez Besteiro
-Secretaría de Organización: Lara Méndez López
-Secretaría de Relacións Institucionais: Marta Álvarez-Santullano
-Secretaría de Igualdade: Silvia Fraga Santos
-Secretaría de Política Municipal: Juan Manuel Rodríguez García
-Secretaría de Administración, Acción Electoral e Réxime Interior: Luis Ángel Lago Lage
-Secretaría de Economía e Facenda: Abel F. Losada Álvarez
-Secretaría de Ordenación Territorio e Rexeneración Urbana: Noemí Díaz Vázquez
-Secretaría de Política Social, Maiores e Dependencia: Natalia González Beneitez
-Secretaría de Educación e Formación Profesional: Fabián Canosa
-Secretaría de Acción Territorial e Formación: Aitor Bouza Manso
-Secretaría de Promoción Económica e Emprego: Nereida María Canosa
-Secretaría de Medio Ambiente e Emerxencia Climática: Rubén Prol
-Secretaría de Sanidade e Voceiro: Julio Torrado
-Secretaría de Transportes e Mobilidade Sustentable: Patricia Otero
-Secretaría de Universidades e Ciencia: Julio Abalde Alonso
-Secretaría de Movementos Sociais: Uxía Oviedo de Dios
-Secretaría de Agricultura, Gandaría e Desenvolvemento Rural: Roberto Fernández Rico
-Secretaría de Memoria Democrática e Laicidade: Iván Puentes
-Secretaría de Cultura e Lingua: Silvia Longueira Castro
-Secretaría de Estudos e Programas: Ángel Rivas González
-Secretaría de Deportes e Políticas Saudables: Jorge Bustos Atanasio
-Secretaría Políticas Forestais e Montes: Teresa Fernández Pérez
-Secretaría de Rexeneración Democrática e Transparencia: Lorena Tenreiro Blanco
-Secretaría Transición Enerxética e Planificación Industrial: Ángel Mato Escalona
-Secretaría LGTBI: Aitor Rodríguez Casanova
-Secretaría do Mar e Recursos Mariños: José Ramón Romero García
-Secretaría Innovación, IA e Transformación Dixital: Francisco Cardama Santiago
-Secretaría de Dereito a Vivenda: Iria Sobrino Fagilde
-Secretaría de Análise e Prospectiva: Bárbara Domínguez González
-Secretaría de Política Europea: Nicolás González Casares
-Secretaría de Políticas de Seguridade e Emerxencias: Digna Rivas
-Secretaría de Turismo: J. Ignacio Gómez Pérez
-Secretaría de Emprendemento: Patricia Domínguez Barja
-Secretaría de Función Pública e Xustiza: María Fernández Ojea
-Secretaría de Despoboamento e Reto Demográfico: Ramón Alonso López
-Secretaría de Comercio e Consumo: Gloria Prada Rodríguez
-Secretaría de Galicia Exterior: Eladio Santos Martínez
-Secretarías executivas: Marta Rouco Seoane, Ana Alvite García, Estefanía Taín Surribas e Celso Fernández López