Publicador de contidos

Publicador de contidos

Así é o reservado da comida de Mazón e Vilaplana en Valencia o día da dina

Así é o reservado da comida de Mazón e Vilaplana en Valencia o día da dina

O dono do restaurante  que investiga a xestión da dina entregoulle á xuíza a factura, dúas fotografías e o plano do reservado

Recibiu moitas chamadas e estaba enviando mensaxes seguido pero a comida transcorreu con normalidade, dixo a xornalista que comeu con Mazón

G24.gal 26/11/2025 20:17 Última actualización 26/11/2025 20:25

O dono do restaurante El Ventorro de València entregou á xuíza de Catarroja que investiga a xestión da dina a factura, dúas fotografías e o plano do reservado onde comeron o president da Generalitat agora en funcións, Carlos Mazón, e a xornalista Maribel Vilaplana o día das riadas que deixaron 229 vítimas mortais na provincia.

Trátase dunha habitación con dous grandes ventanais de teito a chan con cortinas, unha mesa ovalada no centro con varias cadeiras, un sofá e un moble auxiliar.

A dependencia ten unha porta de acceso pola que, segundo declarou a xornalista na súa comparecencia ante a xuíza, só entrou o dono do restaurante o 29 de outubro durante a comida.

O propietario, ante a petición da xuíza de coñecer as medidas do reservado, entregou ao órgano xudicial un plano co detalle de cada lado da estancia.

O último documento achegado é a factura que custou a comida, emitida a nome do PP e cun importe para esa mesa, a 106, de 165 euros por dous menús concertados.

A xuíza de Catarroja (Valencia) pediu o pasado luns esta documentación ao dono do restaurante tras a súa declaración como testemuña do pasado 21 de novembro e a solicitude de varios letrados.

Na xustificación da petición, a xuíza sinalaba que o auto do 16 de outubro de 2025 da Audiencia Provincial de Valencia, no que se ordenou tomar declaración como testemuña á xornalista, o tribunal indicaba a pertinencia das dilixencias destinadas a esclarecer o proceso de deliberación e decisión que se seguiu na reunión do Cecopi na tarde do 29 de outubro de 2024.

Neste auto, subliñábase que o president ten a condición de máxima autoridade da Generalitat Valenciana e presidente do Consell, e que a lei lle atribúe funcións directivas e de coordinación, de maneira que pode dar instrucións aos membros do Consell.

Esa resolución da Audiencia estimaba a pertinencia da declaración da xornalista partindo de que a testemuña puidera escoitar o que o president da Generalitat dixera ao comunicarse telefonicamente coa daquela conselleira de Xustiza e Interior, e investigada na causa, Salomé Pradas, ou ben comentarios que o president puidera facer a raíz desas conversas.

Respecto da petición da fotografía da sala reservada, a xuíza admitiuna pola necesaria valoración da posibilidade de que as persoas que se atopaban nesa sala puidesen escoitar os comentarios ou as conversas que o presidente da Generalitat, o señor Carlos Mazón, puidera facer en relación coa emerxencia da dina.

Coa mesma motivación, e dado que a fotografía por si soa non permite determinar o tamaño exacto da sala, consideraba preciso que o titular do restaurante facilitase as medidas de ancho e de longo da sala onde tivo lugar a comida.

E en relación coa factura da comida e a comanda, a instructora consideraba que acreditarían de maneira obxectiva o feito mesmo da comida no mencionado establecemento, así como a súa duración estimada, sen depender das declaracións testificais.

Desta comida, da posterior prolongación da estancia no restaurante e da saída conxunta á vía pública ata o aparcadoiro de Mazón e Vilaplana derivaron tanto a testifical da xornalista como a do dono do restaurante e as acordadas dos escoltas.

O que falaba, falábao el, dixo a xornalista

A xornalista, que declarou o pasado 3 de novembro, asegurou á xuíza que a partir das 17.15 horas foi cando o xefe do Consell empezou a recibir moitas chamadas, aínda que non puido confirmar con quen falou nin lle preguntou.

Así, explicou que para chamar se erguía e se afastaba e, cando volvía á mesa, non lle comentaba nada.

Ademais, afirmou que, cando estaba sentado, tamén contestaba por escrito e non sabía que fixo máis, se falar ou escribir, porque fixo as dúas cousas.

De feito, noutro punto da súa declaración, afirmou que el estaba co móbil constantemente e, sobre todo, enviaba mensaxes, e cando regresaba continuaban con absoluta normalidade.

Pola súa banda, o dono de El Ventorro declarou ante a xuíza de Catarroja que non escoitou chamadas de Mazón e que este abandonou o local xunto á comunicadora entre as 18.30 horas e as 19, cando non había máis clientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade