Koldo a Santos Cerdán: "Xefe, necesito algo de diñeiro. Deillo todo a el (a Ábalos)"
Os audios que hai no informe da UCO desvelan que o exsecretario de Organización do PSOE xestionaba as comisións e repartía os cartos
A trama comezaría en Navarra, con Cerdán e Koldo, e trasladaríase logo a Madrid, onde se incorporaría Ábalos
O xa exsecretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, presentouse na causa aberta contra el polo suposto amaño de obras públicas a cambio de comisións, pero de momento non entregou a acta de deputado. As gravacións que figuran no informe da UCO sitúano como o encargado de xestionar e de repartir as mordidas.
O papel de Santos Cerdán na trama descríbeno audios coma o gravado o 22 de abril de 2019. Koldo García pídelle cartos para entregarlle a José Luis Ábalos.
Así é a conversa:
KOLDO GARCÍA: "Necesito algo de cartos, xefe, deillo todo a el"
SANTOS CERDÁN: "Canto lle demos?"
KOLDO GARCÍA "60"
SANTOS CERDÁN: "Déronlle 60 agora?"
KOLDO GARCÍA: "Si, pero eu..."
SANTOS CERDÁN: "Teñen que quedar alí, de alí eran 50 e 10 para ti"
Noutra gravación posterior, Koldo vólvelle pedir cartos das supostas comisións a Santos Cerdán para o exministro, porque di que desde que deixou o cargo está "cunha man diante e outra detrás".
Tamén hai conversas de Koldo García co director xeral de Estradas na etapa en que Ábalos era ministro de Transportes, en que o avisa de que o van chamar do PSOE para pedirlle o imposto, o que a Garda Civil interpreta como un posible indicio de financiamanto ilegal do partido.
Félix Bolaños, ministro da Presidencia, di: "Todos os que somos cargos públicos e militantes socialistas dámoslle unha cuota voluntaria ao partido en función do salario que cobramos".
O informe da UCO sinala que a trama comezou a operar entre Cerdán e Koldo García en Navarra, e que despois de trasladou a Madrid. Ábalos incorporouse a ela unha vez que chegou ao Ministerio de Transportes.