Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia ordena unha ofensiva en todas as frontes en Ucraína, mentres Kiev resiste

Rusia ordena unha ofensiva en todas as frontes en Ucraína, mentres Kiev resiste

A batalla pola capital recrúa cunha loita urbana

Ucraína cifra en case 200 os mortos desde que estalou a guerra

G24.gal 26/02/2022 14:24

Rusia asegura que ordenou ás súas tropas avanzar en todas as direccións, mentres desde os Estados Unidos din que enviou a Ucraína milleiros de soldados nas últimas 24 horas coa intención de facerse co control do país.

Kiev resiste, aínda que cada vez máis cercada polas tropas rusas. Así o asegura o presidente Zelenski que mesmo pediu a adhesión de Ucraína á Unión Europea.

Un mísil ruso afectou un edificio de apartamentos esta madrugada. Un residente no inmoble di que o proxectil impactou no seu salón, que se salvaron porque estaban na cociña. Conta que a súa muller e o seu fillo maior teñen as pernas rotas con feridas abertas e que está a buscar o máis pequeno porque o levaron os rescatadores.

O alcalde da cidade indicou que ao longo da noite os ataques inimigos deixaran polo menos 35 feridos, incluídos dous nenos. Unha veciña de Kiev explica, ao saír do refuxio onde pasou a noite, que xamais pensou que ía vivir tales horrores. Ademais o toque de retirada ampliouse das 17 horas ata as 5 da mañá ata o día 28 ante a presenza de tropas rusas na cidade.

O presidente de Ucraína dementiu os rumores de que estea dando orde de depoñer as armas. "Sigo aquí -dixo- e defenderemos o noso país".

Ucraína cifra en 198 os seus mortos desde que comezou a invasión, entre eles tres nenos, e di que os rusos perderon 3.500 efectivos. Rusia non recoñece esa cifra e asegura que só esta madrugada destruíron 821 obxectivos militares ucraínos e que tomaron a cidade de Melitópol, ao sur do país.

No Kremlin puntualizan que para dialogar, como propuxo Ucraína, Kiev ten que ter unha posición clara. 

A voceira do Ministerio de Exteriores ruso asegurou que Ucraína leva anos falando de iniciar conversas e logo bloquéas. 

Macron vaticinou que a guerra vai ser longa. Boris Johnson dirixiuse aos cidadáns rusos. Díxolles que non cre que esta guerra se estea facendo en nome deles.

As autoridades ucraínas volvéronlle pedir a Occidente máis asistencia efectiva. Zelenski urxiu tamén a Unión Europea a que admita Ucraína no club comunitario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade