Publicador de contidos

Publicador de contidos

Junts propón a Rull para o Parlament logo dun acordo con ERC, que deixa de estar presidido por Junqueras

Junts propón a Rull para o Parlament logo dun acordo con ERC, que deixa de estar presidido por Junqueras

Con este principio de acordo asegura unha "Mesa soberanista" na cámara catalá, á espera de que se coñeza a repartición exacta das vicepresidencias e secretarías

Oriol Junqueras formaliza a súa renuncia á presidencia de ERC

Foto: Lorena Sopena / Europa Press / Arquivo Foto: Lorena Sopena / Europa Press / Arquivo
G24.gal 10/06/2024 13:19 Última actualización 10/06/2024 16:24

O grupo parlamentario de Junts propuxo o exconseller da Generalitat e presidente do Consell Nacional do partido, Josep Rull, para presidir o Parlament tras alcanzar un principio de acordo con ERC para a configuración da Mesa da cámara catalá, segundo explicaron fontes coñecedoras a Europa Press.

Así, a presidencia do Parlament manteríaa Junts, pero a actual presidenta, Anna Erra, non seguiría no cargo.

Segundo explicaron outras fontes, con este principio de acordo con ERC asegura unha "Mesa soberanista" na cámara catalá, á espera de que se coñeza a repartición exacta das vicepresidencias e as secretarías.

O grupo parlamentario de Junts está reunido no Parlament, nun encontro no que participan o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, e o expresidente da Generalitat e candidato ás catalás, Carles Puigdemont, de forma telemática.

Tamén están reunidas as executivas de PSC na súa sede da rúa Pallars de Barcelona, mentres que ERC tamén reuniu á súa cúpula na sede da rúa Calàbria.

Renuncia de Junqueras

O ata o de agora presidente de ERC, Oriol Junqueras, formalizou este luns a súa renuncia ao cargo ante a Executiva Nacional da formación, tal e como anunciou el mesmo tras os malos resultados da súa formación nas eleccións catalás do pasado 12 de maio.
Junqueras confirmou a súa renuncia ao saír este mediodía da sede nacional de ERC en Barcelona, tras unha reunión da cúpula do partido no marco das negociacións da investidura do Parlament, cuxa sesión constitutiva está agendada para as 16 horas deste luns. As funcións da presidencia do partido vainas asumir a secretaria xeral, Marta Rovira, ata que se celebre o Congreso Nacional de ERC, previsto para o 30 de novembro, e o resto dos cargos da Executiva Nacional manteranse ata a renovación do órgano no mesmo congreso, detallou ERC nun comunicado.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade