Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un acordo entre os nacionalistas priva o PSC de presidir o Parlament de Cataluña

Un acordo entre os nacionalistas priva o PSC de presidir o Parlament de Cataluña

Josep Rull é xa o novo presidente do Parlament

Polémica ao autorizar a Mesa de Idade o voto delegado de Puigdemont e Puig

 

Foto: Lorena Sopena / Europa Press / Arquivo
G24.gal 10/06/2024 18:07 Última actualización 10/06/2024 20:54

Josep Rull presidirá o Parlamento catalán na décimo quinta lexislatura. Un acordo do seu partido, Junts, con Esquerra Republicana ao que se sumou a CUP desbancou en segunda votación a candidata socialista, Silvia Paneque, quen tampouco contou co apoio dos Comúns.

Josep Rull foi exconselleiro da Generalitat e un dos condenados polo 'procés'. O presidente da Mesa de Idade autorizou o voto delegado de Carles Puigdemont e Lluis Puig en contra do criterio fixado nunha sentenza recente do Tribunal Constitucional que anulou o voto na anterior lexislatura do exconselleiro fuxido. O PP, antes da votación, e Vox a posteriori, anunciaron medidas xudiciais.

"Se permite a votación de persoas que a xustiza deixou clarísimo que non poden hoxe participar na votación, presentaremos un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional", anunciaba Alejandro Fernández, do PP.

"Nós imos querelarnos por prevaricación e desobediencia", advertían desde Vox.

Josep Rull ten dez días hábiles para abrir consultas entre os líderes parlamentarios e propor un candidato á investidura do próximo presidente da Generalitat. O pleno deberá celebrarse como moi tarde o 25 de xuño e ao cargo aspiran Salvador Illa e Carles Puigdemont.

Renuncia de Junqueras

O ata o de agora presidente de ERC, Oriol Junqueras, formalizou este luns a súa renuncia ao cargo ante a Executiva Nacional da formación, tal e como anunciou el mesmo tras os malos resultados da súa formación nas eleccións catalás do pasado 12 de maio.

Junqueras confirmou a súa renuncia ao saír este mediodía da sede nacional de ERC en Barcelona, tras unha reunión da cúpula do partido no marco das negociacións da investidura do Parlament, cuxa sesión constitutiva está axendada para as 16 horas deste luns.

As funcións da presidencia do partido vainas asumir a secretaria xeral, Marta Rovira, ata que se celebre o Congreso Nacional de ERC, previsto para o 30 de novembro, e o resto dos cargos da Executiva Nacional manteranse ata a renovación do órgano no mesmo congreso, detallou ERC nun comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade