Jorge Prado comeza o Mundial no segundo posto do podio
Logo de quedar cuarto na primeira manga, Prado gañou a segunda nunha batalla man a man co campión do Gran Premio Tim Gajser
Jorge Prado comezou o Mundial de motocrós cun cuarto posto na primeira manga e gañando a segunda do Gran Premio de Gran Bretaña. Unha vez máis Prado foi o máis rápido na saída en ambas mangas. Marcou o "holeshot" e liderou a proba durante varias voltas.
Na primeira proba, con mellor ritmo que o lucense Seewer e Gajser pasáronlle a Prado e a vitoria quedou nun man a man decidido a falta de dúas voltas coa caída de Seewer. Prado pelexou con Renaux pola terceira posición e acabou sendo o cuarto. Peor sorte tivo Rubén Fernández. Unha caída relegouno ás últimas posicións e sufriu moito para rematar a carreira. Acabou no posto 20º.
Pero a segunda manga comezou espectacular para os dous galegos. Prado repetiu a mellor saída e o vigués saíu cuarto. Logo dunha batalla man a man con Gajser, que lle pasou facendo a volta máis rápida de todo o campionato, Prado tivo paciencia e aproveitou a caída do esloveno para acabar gañando a segunda manga. Rubén Fernández comezou na cuarta posición, acabou quinto finalmente, pero condenoulle esa caída da primeira manga e acabou décimo terceiro na xeral. Malia todo, gran posta en escea do vigués.
Con eses resultados Jorge Prado comeza o Mundial cun segundo posto no podio e con toda a confianza do mundo nas súas posibilidades.