Jorge Prado, campión do mundo de motocrós
Jorge Prado, campión do mundo de motocrós
Gañou a primeira manga en Maggiora e acadou o meirande éxito do deporte en España
Jorge Prado é campión do mundo de motocrós. Por primeira vez na historia un piloto español acada semellante éxito. Conseguiuno na primeira manga do Grande Premio de Maggiora, en Italia. Na penúltima proba do campionato tiña a posibilidade de logralo e aproveitou un erro do seu rival, Romain Febvre, para conseguilo.
Prado dominou a manga desde o principio. Febvre saíu de quinto, tivo que remontar á desesperada para ter algunha opción, pero caeu e acabou danando a moto. Os cero puntos do francés facían que Jorge Prado se proclamara gañador do mundial.
O primeiro micrófono que atendeu o piloto lucense foi o da Televisión de Galicia. Prado confesou que isto "era un soño polo que levaba moitos anos traballando".
A súa familia, piar fundamental ao marcharen con dez anos acompañando a Prado para que puidese desenvolver o seu talento, tamén celebraba o éxito. O seu pai, Jesús, recoñecía que "isto era o máximo no mundo do motocrós". Cecilia, a irmá, recoñecía que levaban "moito tempo agardando por este día".