Javi Rodríguez cumpre un soño e debuta en Primeira División
O central saltou ao céspede de Balaídos tras o descanso do Celta-Deportivo Alavés
A Javi Rodríguez pódeselle aplicar a máxima de "o que a segue, conséguea". Ao canteirán do Celta chegóuselle mesmo a abrir a porta de saída no seu día, pero el decidiu quedar e pelexar por facer un oco no equipo e en poder cumprir un soño que esta fin de semana se fixo realidade.
O pasado venres, Balaídos foi testemuña da estrea ligueira e do debut en Primeira División do futbolista da Celta Fortuna e un dos últimos "cachorros" da camada de Claudio Giráldez. O futbolista de Poio falou con Celta Media da súa estrea na liga.
O céltico pode tachar xa cunha cruz este obxectivo da súa carreira deportiva.
"Debutar na primeira división co Celta é un soño, e máis porque son canteirán desde ben pequeno".
Javi Rordríguez saltou ao campo na segunda metade e conta aos medios do club que sentiu neses momentos previos.
"No minuto 30 mándanme quentar, prepárome e no descanso dinme que vou entrar, moi contento. Ademais xogar en Balaídos con toda a afección fíxome moita ilusión".
O defensa de Poio tivo o apoio da súa familia durante o partido
"Non pensei en nada en concreto e centreime en facelo o mellor posible. A miña familia estaba moi emocionada, a miña nai non puido vir verme porque estaba a traballar".