Jaume Jardí: "Era un día para dar un golpe na mesa e así foi"
O autor do primeiro tanto racinguista atendeu o Galicia en goles

Era unha xornada para non errar. Era unha xornada para aproveitar os tropezos de Castilla, Alcorcón e Celta B, e o posterior do Córdoba. E o Rácing de Ferrol fíxoo de maneira brillante na visita ao San Sebastián de los Reyes. A satisfacción no equipo verde é máxima, como recoñecía o hoxe titular Jaume Jardí na Radio Galega.
"Custou entrar no partido, pero era un día para dar un golpe na mesa e así foi. O equipo estivo moi ben, do primeiro ao último. Era día para que pasaran cousas bonitas. Quedan 5 partidos sen contar o do Córdoba e hai que apertar ata o remate e meter a maior cantidade de goles posibles porque no average será importante ao final"
Jardí supliu, e con garantías, a importante baixa de Héber Pena no extremo esquerdo. Fai un bo balance a nivel persoal.
"Moi contento, cando traballas e pos todo de ti, saen as cousas, e así foi. Hai que seguir traballando para seguir tendo oportunidades. Estiven cómodo dende o principio".