Publicador de contidos

Publicador de contidos

Iván López: "Os temporais non nos paran no mar e non nos paran os lexislativos de Bruxelas"

Iván López: "Os temporais non nos paran no mar e non nos paran os lexislativos de Bruxelas"

"Realmente segue habendo 87 áreas. Non hai ningunha área que sexa excluída", di o presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo

O que se aclarou, asegura, é que "é para pescar máis alá de 400 metros" como dicía o regulamento orixinal 

G24.gal 07/10/2022 10:56

Iván López, presidente da Alianza de Pesca de Fondo de Europa, cre que o veto á pesca de fondo non é a fin do sector porque está afeito afrontar retos duros, e este é un máis. O domingo, di, sairán pescar.

Nunha entrevista no programa Bos días, da Televisión de Galicia, asegurou que o que pasou nas últimas horas co anuncio do ministro Luis Planas sobre áreas excluídas do veto foi "unha simbolización pública da confusión en que levamos vivindo no sector nos últimos meses".

"A dúbida non era a aplicabilidade, era se a UE se estaba pasando de freada"

Asegura Iván López que eles tíñano claro, pero faltaba que se aclarase para evitar problemas: "O regulamento orixinal efectivamente é para pescar máis alá de 400 metros. A dúbida viña da aplicación, que é o que está xerando toda a polémica. Nun artigo dicía que estas zonas aplicaranse no eido do artigo 9 do regulamento de 2016 que fala dos 400 metros, pero logo tamén dicía aplicarase á pesca de fondo en todas as zonas, e había unha confusión aí".

"Esa era a dúbida que temos todos. Quero pensar que tamén o Goberno español, e iso temos falado con eles, sobre que quería dicir a Unión Europea con esta segunda parte. A dúbida non era a aplicabilidade, era se a UE se estaba pasando de freada", afirma.

Así, asegura que "nós tiñamos moi claro que o regulamento sempre aplicaba a partir dos 400 metros e o que buscabamos era unha aclaración a tal tipo".

"Ata onte non había ningunha declaración pública da Comisión clarificando este tema. Fóra disto non sei que pasou onte. Creo que houbo un problema de comunicación. Pero realmente segue habendo 87 áreas. Non hai ningunha área que sexa excluída, o que pasa é que se confirma é que esa segunda parte do artigo estaba mal posta e era o que pensábamos", afirma o presidente dos armadores europeos que se dedican á pesca de fondo.

"Aínda vai ser máis complicada a pesca"

A situación actual, logo desa aclaración, vai levar a unha nova problemática, segundo Iván López: "O que queda claro é que aínda vai ser máis complicada a pesca, porque nós temos unhas serie de coordenadas, que son cadrados, e dentro deses cadrados vai haber zonas que si e zonas que non. E é ao que imos. Esta non é forma de mandar xente ao mar".

E o explica dunha forma moi clara: "Os fondos mariños son complexos e están pouco mapeados. Non temos un 'Google maps' dos fondos. Cada vez que se vai cun barco a facer sondaxe, descubrimos que moitas das cartas que tiñamos estaban erradas".

Así que a pesca nesas áreas terá que facerse cunha atención case milimétrica: "Isto é relevante porque é ao que imos nós. Non sabemos como se decide se estamos nunha zona de 400 metros ou non. Que uso?, a sonda do barco que mo di, a carta que igual está errada, a miña, a dos irlandeses? O que nos mandan é a unha incerteza, é como se che mandan á autoestrada sen velocímetro e tes que botar a ollo se vas a 120 km/h ou non. E iso é o que nos estamos mandando facer. E polo tanto, nós non queremos asumir ese erro. Queremos que o lexislador nos diga onde podemos pescar ou non".

E nesa situación de incerteza é na que di que se seguen movendo: "Iremos vendo nos próximos días. Nós imos saír pescar. A xente quere saír pescar e non pode facelo doutra maneira. Buscaremos onde podemos e onde non. E iremos vendo o impacto real".

"Non había ningún estudo sobre o palangre e non último minuto meteuno"

Os armadores seguen moi preocupados polo que ten que ver co palangre: "Non é que nas outras artes non teña impacto, pero no palangre é desmedido, porque non se fixo ningunha contemplación sobre a súa actividade e meteuse así no último minuto".

"Ten unha afectación tremenda en augas do Gran Sol", explica Iván López. "En augas ibéricas, o golfo de Cádiz a frota andaluza queda máis aliviada, pero segue moi afectada en certas pesquerías como a da gamba. E no Cantábrico é moito máis complicado porque sempre digo que o que vemos nos montes do Cantábrico é o que vemos no mar, e aí non hai máis que montes e vales".

Quizais o arrastre é a que non está tan prexudicada, aínda que matiza: "A do arrastre é a menos prexudicada, porque prexudicada está. O único tema é que o que se fixo foi un modelo sobre o arrastre, e tivo en conta aínda que con datos antigos, e de aí ven o problema, pero o modelo está ben: alí onde hai unha actividade durante anos do arrastre non imos pechar porque obviamente se se puido traballar moitos anos e hai algo é que non necesita protección. O problema é que se empregaron datos de 2011 e non de agora, e polo tanto hai un desfase en moitas zonas".

"A Unión Europea non fixo caso dos científicos, obviou que non había ningún estudo sobre o palangre e non último minuto meteuno", conclúe López.

O recurso: "É difícil, non hai moitos precedentes positivos"

"O que dicimos desde o principio é: bos obxectivos, moi mala redacción, suspenso en leis. É o que lle dicimos á Unión Europea", afirma o presidente da Alianza de Pesca de Fondo de Europa, quen tampouco é optimista sobre o recurso sobre o regulamento: "É difícil, non hai moitos precedentes positivos". 

En calquera caso di que "a idea de facer un recurso, o Estado e a industria, que queremos seguir adiante con isto, é moi importante porque esta maneira de traballar da Comisión Europea ten que quedar sinalada como errónea para que non sirva de precedente para futuras medidas, como a de Áreas mariñas protexidas, que como se faga tan a ollo acabaremos todos comendo peixe de fóra".

O que practicamente descarta é que poida haber unha moratoria: "Eu legalmente non vexo como a Unión Europea se pode facer sobre unha lei, que ademais entra en vigor este domingo. Esa é a realidade e por iso nós o que lle diciamos á UE é por que sacas unha lei que vas revisar trinta días despois, espera, faino ben e sacamos unha lei que non faga dano a ninguén".

"Imos ver en que acaba todo isto, pero desde logo non acabará coa pesca"

Iván López advirte de tempos difíciles que están por chegar: "A campaña do Nadal vai ser moi dura para moita xente, e unha revisión como a que pretende facer a Comisión en ningún caso vai estar lista antes do mes de marzo ou de maio".

"Creo que o comisario é moi teimudo e ten moi claro o que quere facer", afirma, pero tamén advirte de que enfronte ten un sector tamén o é: "Non nos paran os temporais no mar e non nos paran os temporais lexislativos de Bruxelas. Vai ser máis difícil, pero sairemos adiante".

E este domingo, aínda está por ver como, asegura que "os barcos van saír e seguiremos tentando aprovisionar de peixe o mercado galego, español, e europeo. Imos ver en que acaba todo isto, pero desde logo non acabará coa pesca".

A estas alturas no sector en Galicia aínda agardan polo informe da Comisión Europea que especifique con exactitude en que zonas poderán pescar. A preocupación esténdese a toda a frota de fondo, pero especialmente aos palangreiros dos portos de Celeiro e Burela, que capturan nas zonas vetadas a maior parte.

Quedan menos afectados pola norma o arrastre e a volanta, non así os palangreiros, que son os máis prexudicados. É o caso de Celeiro e Burela, que realizan o 75 por cento das capturas nas zonas vetadas e auguran perdas económicas superiores ao 50 por cento.

A frota teme tensións, xa que se verán obrigados a desprazarse a outros caladoiros nos que xa pescan outros barcos. Estes días recollen sinaturas e preparan mobilizacións en protesta pola norma.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade