Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel non abandonará as súas posicións no sur do Líbano, asegura o seu ministro de Defensa

Israel non abandonará as súas posicións no sur do Líbano, asegura o seu ministro de Defensa

As tropas israelís "permanecerán nas zonas de seguridade do Líbano, Siria e Gaza de forma indefinida para defender a fronteira e os asentamentos israelís desde alí contra elementos xihadistas", afirmou o ministro

Segundo o ministro de Defensa, a ocupación de territorio libanés, palestino e sirio é "a principal lección" dos ataques de Hamas a Israel o 7 de outubro 2023, nos que morreron ao redor de 1.200 persoas

G24.gal 15/06/2026 10:29

O ministro israelí de Defensa, Israel Katz, afirmou este luns que o Exército israelí non ten intención de retirarse das súas posicións no sur do Líbano tras a firma dun acordo entre os Estados Unidos e Irán para poñer fin á guerra.

As tropas israelís "permanecerán nas zonas de seguridade do Líbano, Siria e Gaza de forma indefinida para defender a fronteira e os asentamentos israelís desde alí contra elementos xihadistas", afirmou o ministro nun comunicado recollido por medios israelís. E engadiu que esa zona será "desaloxada de residentes locais e toda a infraestrutura terrorista, tanto superficial como subterránea (...), será destruída".

"Opoñémonos á retirada das FDI do Líbano, a pesar de todas as presións actuais e futuras. O primeiro ministro Netanyahu deixoullo claro ao presidente estadounidense (Donald) Trump e a outros altos funcionarios estadounidenses, e eu tamén llo deixei claro onte ao secretario de Guerra dos Estados Unidos, Pete Hegseth", engadiu Katz.

Segundo o ministro de Defensa, a ocupación de territorio libanés, palestino e sirio é "a principal lección" dos ataques de Hamas a Israel o 7 de outubro 2023, en que morreron ao redor de 1.200 persoas.

"A toma de territorio e zonas de seguridade foi un dos maiores logros das Forzas de Defensa de Israel (FDI, acrónimo do nome co que Israel se refire ao seu Exército) na Guerra do Renacemento", aseverou referíndose á contenda librada en sete frontes distintas nos últimos anos co nome proposto polo primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, en outubro de 2025.

Washington anunciou un acordo con Teherán para poñer fin á guerra e reabrir o estratéxico estreito de Ormuz tras máis de 100 días dun conflito que xerou graves perturbacións no mercado global do petróleo. Paquistán, que exerce como mediador entre ambos os países, afirmou que ambas as partes asinarán o vindeiro venres 19 de xuño na Suíza un memorando de entendemento para poñer fin a todas as hostilidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade