Israel convoca a embaixadora española polas "duras declaracións" de Sánchez
A convocatoria da embaixadora prodúcese despois de que Sánchez dixese este mércores no Congreso español que o seu Goberno non comercia "cun Estado xenocida"
O pasado 24 de abril, Sánchez anunciou a rescisión dun contrato de compra de balas a unha empresa israelí para preservar a coalición co seu socio de goberno de esquerdas Sumar

Israel convocou para este xoves a unha reunión de amoestación á embaixadora española no país, Ana Salomón Pérez, tras as "duras declaracións" do presidente do Goberno español, Pedro Sanchez.
"Tras as duras declaracións do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a embaixadora española en Israel foi citada a unha reunión de amoestación no Ministerio de Asuntos Exteriores en Xerusalén mañá", indicou a EFE un portavoz deste departamento.
A convocatoria da embaixadora prodúcese despois de que Sánchez dixese este mércores no Congreso español que o seu Goberno non comercia "cun Estado xenocida", en resposta ás acusacións do portavoz do partido catalán Esquerra Republicana, Gabriel Rufián, de que o Executivo español comercia "cun Estado xenocida, como Israel". "Puntualízolle unha cousa, señor Rufián. Nós non comerciamos cun Estado xenocida. Non o facemos, señoría. E creo que o outro día desde esta tribuna especifiquei precisamente de que estabamos a falar cando se falaba dalgunhas cousas que non se axustan á verdade", dixo Sánchez.
As súas declaracións responden á polémica suscitada en España pola compra de armamento israelí no medio da ofensiva que está a levar a cabo Israel na Franxa de Gaza. O pasado 24 de abril, Sánchez anunciou a rescisión dun contrato de compra de balas a unha empresa israelí para preservar a coalición co seu socio de goberno de esquerdas Sumar. Tratábase dun contrato coa empresa IMI Systems para a compra de 15 millóns de balas para a Garda Civil española por importe de 6,6 millóns de euros.
Tras o anuncio da rescisión, Israel condenou "enerxicamente" a decisión do Goberno español, ao considerar que estaba "a sacrificar consideracións de seguridade por motivos políticos". Segundo dixo entón Exteriores israelí, coa súa decisión o Goberno español continuaba "no lado equivocado da historia" e posicionábase "en contra do Estado xudeu, que se defende de ataques terroristas en sete frontes".