Israel e Irán acúsanse mutuamente de violar a tregua anunciada por Trump
O ministro israelí de Defensa ameazou con emprender fortes ataques "no corazón de Teherán"
Os gobernos de Israel e Irán confirmaron a tregua anunciada horas antes por Trump tras apurar unha nova xornada de fogo cruzado
O presidente dos EUA critica a Israel por seguir bombardeando Irán tras o acordo de cesamento do fogo

O ministro israelí de Defensa, Israel Katz, ameazou este martes con levar a cabo fortes ataques "no corazón de Teherán", despois de que Irán supostamente lanzara dous mísiles contra territorio israelí, que o Exército israelí dixo que interceptara, pese ao anuncio dun cesamento do fogo entre ambos.
"Ante a completa violación por parte de Irán do cesamento do fogo declarado polo presidente dos Estados Unidos (...) ordenei ás FDI (Forzas de Defensa de Israel), en coordinación co primeiro ministro, que continúen a intensa actividade de ataque a Teherán para frustrar os obxectivos do réxime e as infraestruturas terroristas", asegurou o responsable nun comunicado.
Pola súa banda, a televisión estatal iraniana negou que se lanzaron mísiles contra Israel e cualificou ditas informacións de falsas.
O Exército israelí detectou este martes un suposto novo ataque con mísiles desde Irán, que fixo soar as alarmas no norte de Israel, pouco despois de que o Goberno de Benjamin Netanyahu anunciase -tras horas de silencio- o seu visto e prace a un acordo de cesamento do fogo anunciado por Donald Trump, que posteriormente tamén confirmaba o réxime iraniano.
O servizo de emerxencias israelí Magen David Adom (MDA) dixo que de momento non se rexistraron vítimas tras o ataque. Segundo medios israelís, o bombardeo foi interceptado polos sistemas antiaéreos de Israel.
Horas despois era Irán quen denunciaba violacións do alto ao fogo. O Exército iraniano afirmou que Israel lanzou tres ondas de mísiles unha vez comezada tregua: “O réxime agresor sionista atacou centros en chan iraniano en tres ondas ata as 9:00 da mañá de hoxe”.
Ese ataque ocorrería pasada a hora de inicio do cesamento do fogo anunciada por Trump. O presidente dos Estados Unidos anunciou que Israel e Irán acordaran un cesamento do fogo cunha duración de 12 horas. O Goberno israelí asegurou nun comunicado aceptar a proposta de Trump para un "cesamento do fogo bilateral" con Irán tras o logro dos seus obxectivos en 12 días de guerra, pero advertiu de que Israel responderá "con firmeza" ante calquera violación deste acordo.
Máis tarde, o Consello Supremo de Seguridade Nacional confirmou o cesamento do fogo con Israel e cualificouno como unha derrota para o Estado xudeu.
O máximo organismo de seguridade nacional iraniana afirmou que "se impuxo un cesamento do fogo ao inimigo sionista" nun comunicado recolleito por medios iranianos, na primeira reacción oficial de Teherán ao cesamento de hostilidades. Asegurou que "a loita dos guerreiros" e "o sabio liderado" do país obrigaron "o inimigo a lamentar e aceptar a derrota e deter unilateralmente a súa invasión".
Trump critica a Israel por seguir bombardeando Irán tras o acordo de cesamento do fogo
O presidente estadounidense, Donald Trump, mostrouse especialmente decepcionado con Israel por "descargar bombas xusto despois do acordo" de cesamento do fogo que acordou onte á noite con Teherán e o Goberno israelí.
Trump fixo estas declaracións antes de embarcar no Air Force One rumbo á Haia (Países Baixos), onde participará no cumio de líderes da OTAN. "Necesitamos que Israel acougue porque saíron nunha misión esta mañá. Necesitan acougar xa!", exclamou o presidente estadounidense desde os xardíns da Casa Branca.
No mesmo ton, Trump escribiu na rede social Truth: "Israel, non lances esas bombas. Se o fas, é unha gran violación Fai regresar os teus pilotos agora!".