Irán denuncia ataques estadounidenses contra a illa de Larak
Un portavoz do corpo de elite iraniano asegurou que esta "agresión terrorista" será "castigada"
É o primeiro ataque do que se ten constancia desde finais de xullo
O ataque destruíu foguetes cargados con minas mariñas
REUTERS/Stringer
A Garda Revolucionaria iraniana denunciou ataques dos Estados Unidos durante a madrugada deste domingo ao luns contra a illa de Larak, segundo informaron medios locais.
Nun comunicado difundido polas axencias iranianas Fars e Tasnim, vinculadas á Garda Revolucionaria, un voceiro deste corpo de elite asegurou que esta "agresión terrorista" será "castigada".
A mensaxe indica que o ataque foi perpetrado con drons e que deixou mortos e feridos, sen especificar as cifras.
A illa de Larak atópase preto do estreito de Ormuz, lugar estratéxico para o tránsito de petróleo global e escenario de disputa entre Irán e os Estados Unidos desde o inicio da guerra.
Noutro comunicado posterior, un portavoz da Garda Revolucionaria tachou o ataque de "erro estratéxico e fatal".
A televisión qatarí Al Jazeera recollera previamente a información dun oficial do Exército estadounidense que aseguraba que o obxectivo de Washington eran dous lanzafoguetes iranianos apostados na illa.
O de hoxe é o primeiro ataque do que se ten constancia desde finais de xullo, cando os medios informaron de bombardeos contra decenas de obxectivos militares da Garda Revolucionaria iraniana.
Tras o colapso das conversas para acadar a paz e tras expirar o cesamento do fogo e o prazo de 60 días para tratar de lograr unha saída negociada ao conflito, Washington anunciou un novo e severo paquete de sancións contra Teherán, apuntando a que a súa Administración ía optar principalmente pola presión económica.
O ataque destruíu foguetes cargados con minas mariñas
O ataque destruíu dúas plataformas para disparar foguetes cargados con minas mariñas que Teherán preparaba para lanzar ao estreito de Ormuz, segundo indicou un funcionario estadounidense á cadea CNN.
Segundo a fonte, que pediu anonimato, o exército estadounidense realizou o ataque, que se executou con drons, cando observaron a forzas iranianas preparándose para lanzar estes foguetes que depositan minas na auga.
O presidente estadounidense, Donald Trump, asegurou o pasado martes que o Comando Central (CENTCOM) completara o desminado dos roteiros marítimos internacionais no estreito de Ormuz.
Trump asegurou que se advertira a Irán que calquera embarcación que colocase novos dispositivos explosivos neste paso marítimo, polo que circula parte importante dos hidrocarburos que se exportan globalmente, sería "destruído de inmediato e de xeito sistemático".